Anímate a mergullarte na idea de que en galego todo se
pode facer! Se ti tamén o cres ou se aínda posúes dúbidas ao respecto, non
deixes de ler esta entrada, pois seguro que conseguirá espertar en ti unha gran
curiosidade pola obra de Paco Nogueiras...
Lembremos pois, a labor educativa e divulgativa levada a
cabo por devandita figura dentro do panorama lúdico - pedagóxico galego,
instaurando así unha nova e diferente maneira de ollar a nosa lingua, valorando
a multitude de posibilidades e oportunidades que esta nos permite dentro do
ámbito non soamente social, senón tamén educativo. En galego todo se pode
facer, iso é o que Paco Nogueiras pretende transmitir a través da súa obra
Brinca Vai! De maneira que, considerando a escasa valoración que, en moitas
ocasións, a nosa lingua recibe, resulta ser esta unha gran oportunidade para
achegar aos pequenos e pequenas a unha realidade que non resulta utópica, senón
verdadeira, é dicir, que en galego, todo, absolutamente todo, se pode facer.
Por conseguinte, consideramos que Brinca Vai! e a figura
de Paco Nogueiras, trátanse de grandes e enriquecedores recursos a través dos
cales levamos a cabo a seguinte aventura dinámica, intentando mergullar aos
cativos e cativas no mundo do músico e compositor compostelán, e no mundo da
lingua galega como máxima expresión, en definitiva. Asemade, non soamente
introducir aos nenos e as nenas nas posibilidades que nos ofrece a lingua
galega, senón que resulta ser tamén verdadeiramente útil e interesante esta
obra para achegar aos rapaces e rapazas ao noso patrimonio cultural,
lingüístico, natural, artístico, musical... un sen fin de posibilidades nos
ofrece a personaxe que se esconde tras as lentes negras e o sombreiro de cor
azul.
Deste xeito, os obxectivos que pretendemos acadar con devandita
proposta didáctica son, entre outros, os seguintes:
- Dinamizar a lingua galega
- Dinamizar o noso patrimonio
lúdico cultural literario
- Sentir orgullo pola cultura
galega
- Fomentar a imaxinación e a
creatividade
- Fuxir dos estereotipos
- Potenciar a capacidade de
expresión
- Crear ferramentas para a
busca de información (o noso propio dicionario)
- Familiarizarse con algúns
termos propios da lingua galega
- Fomentar a participación
activa do alumnado
- Potenciar a relación entre
familia e escola
- Coñecer a nosa tradición
musical galega, así como algúns instrumentos musicais característicos da mesma
- Traballar o sentido do
olfacto
- Diferenciar diversos tipos de
follas procedentes de distintas árbores
Desenvolvemento da proposta
Tras unha primeira aproximación ao
mundo de Paco Nogueiras, agora ofrecémosvos unha serie de propostas didácticas
baseadas na ideoloxía e fundamentos que nos transmite este músico teatral
mediante as súas composicións que conforman a súa obra literaria e musical
titulada Brinca vai! e máis cocnretamente na canción Meu o mundo é!, a cal cómpre lembrar:
Que bonito poder dicir,
que fermoso sae o sol esta mañá para ti.
Que bonito poder sentir,
a ledicia a morriña.
Que delicia poder falar,
con agarimo a un amigo,
dar un bico a túa nai.
Que festeiro aturuxar
cando danzas na punteira
e un gaiteiro está a tocar.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
Que fachenda poder viaxar,
en carrilana e despois,
unha feira visitar.
Que bonito é respirar,
o recendo dunha xesta,
escoitar o mar.
Que sorte poder contar,
teño dedas, teño unllas,
teño dúas mans.
Que bonito poder xogar,
ver voar un papaventos,
abanéome nun bambán.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
A continuación, animádevos a ler as actividades deseñadas por nós!
A
primeira delas, denominada “Eu falo galego...” ten como principal obxectivo
dinamizar o uso da linga galega dentro das aulas de educación infantil. O
escenario é un pequeno teatro no que cada un dos nenos e nenas se amosarán como
un Paco Nogueiras propio, é dicir, cos atavíos que o caracterizan e o fan
único, tales como o sombreiro de cor azul e as lentes, e afirmando unha frase
que comeza con “Eu falo galego...” que deberán ir completando coas súas
ocorrencias particulares, por exemplo “Eu falo galego cando estou cos meus
amigos”, “Eu falo galego porque me fai feliz”, “Eu falo galego na casa dos meus
avós”, etcétera. Deste xeito cáptanse membros da Comunidade Educativa mediante
unha proposta lúdica a través da cal conseguiremos que cativos e cativas se
sintan orgullosos e satisfeitos de falar a súa lingua materna. Así mesmo,
achegarémolos á figura de Paco Nogueiras e á súa importancia de cara ao
mantemento do galego como lingua cooficial de Galicia.
|
Imaxe 2- Fotografía propia. Nena no teatro coma Paco Nogueiras |
Outra
das actividades que propoñemos, denominada "Meu o diccionario é!" baséase na lectura do poema de Paco Nogueiras xa
que, evidentemente, hai palabras que os pequenos e pequenas non entenderán pola
súa dificultade ou polo escaso emprego das mesmas no seu vocabulario habitual, polo que o noso rol como mestres e mestras será o de
explicarlles aos nenos e nenas que existen ferramentas para buscar as palabras
cuxo significado non coñecemos, como internet ou mesmo os dicionarios. Respecto
a este último, ao tratarse dun elemento bastante complexo de cara á etapa
infantil, cremos imprescindible elaborar nós mesmas un dicionario propio que
recolla os conceptos descoñecidos, dotándoos dunha explicación máis próxima á
linguaxe da primeira infancia. Deste xeito, a cada neno ou nena
corresponderalle unha palabra das seleccionadas a partir do poema de Paco
Nogueiras titulado “Meu o mundo é”, xunto a cal deberán debuxar, trala
explicación pertinente do concepto, a representación que se imaxinen da mesma,
é dicir, outorgarlle unha connotación propia, que poña en práctica a
imaxinación e a creatividade do alumnado. Como esta proposta está ideada para
calquera idade da etapa de educación infantil, deberase ter en conta se os
nenos e nenas son capaces ou non de escribir por eles mesmos a significación
correspondente, co cal de non ser posible, será a mestra ou mestre a encargada
de redactalo. En todo caso, do debuxo serán eles os responsables para que
participen de maneira activa na creación deste dicionario tan peculiar e poidan
recorrer a el cantas veces o consideren pertinente.
|
Imaxe 3. Portada de Meu o dicionario é!
|
|
Imaxe 4. Exemplo de palabra descrita no dicionario |
Seguindo
nesta liña, quixeramos amosarvos outra formulación derivada da actividade
anterior, un "Obradoiro de camisetas" consistente en plasmar en camisetas as palabras galegas que
empregamos previamente para a elaboración do dicionario: ledicia, morriña,
lecer, xesta... para que os nenos e nenas teñan oportunidade de coñecer
conceptos típicos da nosa Comunidade, familiarizándose con estes dunha maneira
lúdica e atractiva, como ocorre a través da elaboración de camisetas que poidan
empregar e que á vez fomenten o uso de termos propios e característicos da
lingua galega. O certo é que esta proposta é válida para calquera etapa
educativa do centro, porén como futuros mestres e mestras de educación infantil
gustaríanos centrala nesta etapa educativa xa que constrúe os piares da
personalidade do alumnado, dos seus valores, ideais, etcétera. Por conseguinte,
parécenos fundamental achegar aos nenos e nenas ao emprego do galego que
actualmente está tan esquecido para moitos, co fin de que non entre nun desuso
dinámico, senón que consideramos que o noso papel é o de fomentar o mesmo para
o futuro próximo, é dicir, os nenos e nenas. Ademais,
gustaríanos mencionar que para esta actividade precisamos da axuda das
familias, co cal resulta unha boa ocasión para atraer aos pais e nais ao centro
educativo, posto que, como sabemos, en numerosas ocasións existe unha barreira visible
entre ambos axentes educativos. Pola contra, parécenos fundamental crear unha
relación estreita entre familia e escola ao tratarse dos dous axentes máis
importantes na socialización dos nenos e nenas. Esta proposta, pois, permite
seguir na liña do fomento do uso da nosa lingua materna, pero dunha maneira
verdadeiramente interesante: que mellor forma que coa colaboración das familias?
Asemade,
decidimos empregar as ceras Plastidecor posto que permiten unha participación
máis activa do alumnado, o que implica que se sintan protagonistas e que
valoren en maior medida as súas propias creacións. Para que lles faga máis
ilusión se cabe, poderíase reproducir o nome do dono de cada camiseta, facendo
cada camiseta propia. En definitiva, trátase de motivalos e de captar a súa
atención para que comecen a sentirse atraídos e interesados pola lingua galega .
O proceso de elaboración de devanditas camisetas consiste en que cada neno ou nena, unha vez escollida a verba que máis lle guste e en conxunto coa súa familia, debe elaborar unha especie de prantilla que esboce as formas das letras que compoñen a palabra escollida. Acto seguido, precísase dunha camiseta, a cal debe posicionarse sobre una dura superficie, e tamén se necesitan as labras obtidas de sacarlle punta ás pinturas Plastidecor e de papel albal. Polo tanto, sobre a camiseta posicionarase a prantilla e repartiranse as labras das Plastidecor polo ocos da mesma, de maneira que se situará o papel albal por enriba e cunha prancha, debemos aportar calor, pasando o ferro, para que finalmente podamos obter a nosa propia camiseta!
|
Imaxe 5. As labras das ceras Plastidecor
|
|
Imaxe 6. Proceso de elaboración das camisetas
|
|
Imaxe 7. Resultado final da camiseta coa palabra raiola |
Por outra banda, mediante a actividade "En galego facemos música" consideramos de vital importancia
achegar aos nenos e nenas cara á tradición musical galega, constituída tanto
por bailes como a muiñeira e a xota, así como instrumentos musicais propios de Galicia
como o son a pandeireta, a gaita ou a frauta. Como é ben sabido, Paco Nogueiras
caracterízase, ademais de pola súas lentes e o seu sombreiro, pola presenza
dunha guitarra. Con respecto a isto, a actividade consistiría en que o docente
describira unha serie de características dun instrumento musical que sexa
típico en Galicia para que cada neno e nena o vaia debuxando segundo el mesmo o
imaxine ou o recorde. É dicir, o mestre ou mestra encargarase de aportarlles
información do tipo de “ten forma redonda”, “é de madeira”, “tócase cas
mans”... para referirse á pandeireta ou “é alargada”, “é delgada”, “ten
buratos”, etcétera para a frauta.
|
Imaxes 8 e 9. Debuxos dos instrumentos |
Neste sentido, tanto a danza como a música, de maneira
xeral, forman parte da nosa cultura e tradición galegas, así como ocorre coa
propia lingua, polo que é a nosa labor tratar de que o noso alumnado a coñeza e
se familiarice con ela dende as primeiras idades, outorgándolle o valor e a
importancia que realmente ten para a nosa identidade.
Xa, para finalizar, levaríase a cabo outra proposta na
aula denominada "Sentimos Galicia", dirixida tamén ao alumnado de educación infantil, que ten como principal
obxectivo coñecer e diferenciar diversos tipos de aromas procedentes de árbores
autóctonas de Galicia. En relación co poema de Paco Nogueiras, no que afirma
“que bonito é respirar o recendo dunha xesta”, cremos conveniente que, dado que
esta etapa se caracteriza pola necesidade dun amplo abanico de experiencias e
situacións estimulantes, que lle permiten coñecer o mundo que os rodea a través
dos órganos sensoriais, esta actividade pode resultar moi enriquecedora. En consonancia, o mestre ou mestra outorgaralle ao seu
alumnado unha serie de follas, procedentes de distintos árbores, propios da
nosa Comunidade, co fin de que os cativos e cativas comecen a coñecer e dominar
a nosa flora, os seus atributos, as súas formas, os seus aromas, etcétera, de
maneira que estes estímulos lles permitan beneficiarse do noso contorno máis
próximo.
|
Imaxe 10. Diferentes tipos de follas |
En síntese,
queremos destacar a aplicabilidade que poden ter estas propostas nunha aula de
educación infantil e incluso, nas etapas educativas posteriores, pois trata
dunha proposta xeneralizada cuxo obxectivo último radica en achegar aos nenos e
nenas á lingua galega respectando o valor que esta posúe, así como achegar á
infancia o noso patrimonio cultura, dende unha perspectiva lúdica e educativa,
baixo a influencia de Paco Nogueiras, quen fai das palabras música.
Consideramos que se trata dunha proposta próxima aos
cativos e cativas, debido a que estes desenvolven o seu período de
socialización dende o primeiro momento da súa vida no contorno próximo e no
mundo que os rodea, que parte da realidade e fai sentir protagonistas aos nenos
e nenas da súa propia aprendizaxe. Ademais, consideramos de vital importancia que as
familias participen dun xeito activo conxuntamente coa escola, pois este
escenario familiar é o contexto educativo por excelencia dende as primeiras
idades. A natureza, a música e mesmo o debuxo son tamén valiosas
fontes de información e expresión, que permiten aos nenos e nenas expresar o
que senten, e emocionarse por medio dunhas linguaxes únicas, cheas de maxia e
que os fan sentir especiais.
En definitiva, achegamos aos nenos e nenas á súa cultura
máis próxima desenvolvendo neles a capacidade de respecto e valoración por unha
lingua e por unha cultura na que todo se pode facer, na que poden ser eles/as
mesmos/as.
Agardamos que gozárades coa nosa proposta didáctica baseada na riqueza de Paco Nogueiras!
Traballo elaborado por:
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz