miércoles, 8 de abril de 2015

De aquí a acolá... Paco Nogueiras está!

            Anímate a mergullarte na idea de que en galego todo se pode facer! Se ti tamén o cres ou se aínda posúes dúbidas ao respecto, non deixes de ler esta entrada, pois seguro que conseguirá espertar en ti unha gran curiosidade pola obra de Paco Nogueiras...
            Lembremos pois, a labor educativa e divulgativa levada a cabo por devandita figura dentro do panorama lúdico - pedagóxico galego, instaurando así unha nova e diferente maneira de ollar a nosa lingua, valorando a multitude de posibilidades e oportunidades que esta nos permite dentro do ámbito non soamente social, senón tamén educativo. En galego todo se pode facer, iso é o que Paco Nogueiras pretende transmitir a través da súa obra Brinca Vai! De maneira que, considerando a escasa valoración que, en moitas ocasións, a nosa lingua recibe, resulta ser esta unha gran oportunidade para achegar aos pequenos e pequenas a unha realidade que non resulta utópica, senón verdadeira, é dicir, que en galego, todo, absolutamente todo, se pode facer.
        Por conseguinte, consideramos que Brinca Vai! e a figura de Paco Nogueiras, trátanse de grandes e enriquecedores recursos a través dos cales levamos a cabo a seguinte aventura dinámica, intentando mergullar aos cativos e cativas no mundo do músico e compositor compostelán, e no mundo da lingua galega como máxima expresión, en definitiva. Asemade, non soamente introducir aos nenos e as nenas nas posibilidades que nos ofrece a lingua galega, senón que resulta ser tamén verdadeiramente útil e interesante esta obra para achegar aos rapaces e rapazas ao noso patrimonio cultural, lingüístico, natural, artístico, musical... un sen fin de posibilidades nos ofrece a personaxe que se esconde tras as lentes negras e o sombreiro de cor azul.
Imaxe 1. Portada do Cd-Dvd Brinca Vai!
extraída de http://musicaengalego.blogspot.com.es/2013/04/paco-nogueiras-brinca-vai.html

Deste xeito, os obxectivos que pretendemos acadar con devandita proposta didáctica son, entre outros, os seguintes:
- Dinamizar a lingua galega
- Dinamizar o noso patrimonio lúdico cultural literario
- Sentir orgullo pola cultura galega
- Fomentar a imaxinación e a creatividade
- Fuxir dos estereotipos
- Potenciar a capacidade de expresión
- Crear ferramentas para a busca de información (o noso propio dicionario)
- Familiarizarse con algúns termos propios da lingua galega
- Fomentar a participación activa do alumnado
- Potenciar a relación entre familia e escola
- Coñecer a nosa tradición musical galega, así como algúns instrumentos musicais característicos da mesma
- Traballar o sentido do olfacto
- Diferenciar diversos tipos de follas procedentes de distintas árbores

Desenvolvemento da proposta
             Tras unha primeira aproximación ao mundo de Paco Nogueiras, agora ofrecémosvos unha serie de propostas didácticas baseadas na ideoloxía e fundamentos que nos transmite este músico teatral mediante as súas composicións que conforman a súa obra literaria e musical titulada Brinca vai! e máis cocnretamente na canción Meu o mundo é!, a cal cómpre lembrar:
Que bonito poder dicir,
que fermoso sae o sol esta mañá para ti.
Que bonito poder sentir,
a ledicia a morriña.
Que delicia poder falar,
 con agarimo a un amigo,
 dar un bico a túa nai.
 Que festeiro aturuxar
cando danzas na punteira
 e un gaiteiro está a tocar.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
Que fachenda poder viaxar,
en carrilana e despois,
 unha feira visitar.
Que bonito é respirar,
o recendo dunha xesta,
escoitar o mar.
Que sorte poder contar,
teño dedas, teño unllas,
teño dúas mans.
Que bonito poder xogar,
ver voar un papaventos,
abanéome nun bambán.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!

A continuación, animádevos a ler as actividades deseñadas por nós!

A primeira delas, denominada “Eu falo galego...” ten como principal obxectivo dinamizar o uso da linga galega dentro das aulas de educación infantil. O escenario é un pequeno teatro no que cada un dos nenos e nenas se amosarán como un Paco Nogueiras propio, é dicir, cos atavíos que o caracterizan e o fan único, tales como o sombreiro de cor azul e as lentes, e afirmando unha frase que comeza con “Eu falo galego...” que deberán ir completando coas súas ocorrencias particulares, por exemplo “Eu falo galego cando estou cos meus amigos”, “Eu falo galego porque me fai feliz”, “Eu falo galego na casa dos meus avós”, etcétera. Deste xeito cáptanse membros da Comunidade Educativa mediante unha proposta lúdica a través da cal conseguiremos que cativos e cativas se sintan orgullosos e satisfeitos de falar a súa lingua materna. Así mesmo, achegarémolos á figura de Paco Nogueiras e á súa importancia de cara ao mantemento do galego como lingua cooficial de Galicia.
Imaxe 2- Fotografía propia. Nena no teatro coma Paco Nogueiras

Outra das actividades que propoñemos, denominada "Meu o diccionario é!" baséase na lectura do poema de Paco Nogueiras xa que, evidentemente, hai palabras que os pequenos e pequenas non entenderán pola súa dificultade ou polo escaso emprego das mesmas no seu vocabulario habitual, polo que o noso rol como mestres e mestras será o de explicarlles aos nenos e nenas que existen ferramentas para buscar as palabras cuxo significado non coñecemos, como internet ou mesmo os dicionarios. Respecto a este último, ao tratarse dun elemento bastante complexo de cara á etapa infantil, cremos imprescindible elaborar nós mesmas un dicionario propio que recolla os conceptos descoñecidos, dotándoos dunha explicación máis próxima á linguaxe da primeira infancia. Deste xeito, a cada neno ou nena corresponderalle unha palabra das seleccionadas a partir do poema de Paco Nogueiras titulado “Meu o mundo é”, xunto a cal deberán debuxar, trala explicación pertinente do concepto, a representación que se imaxinen da mesma, é dicir, outorgarlle unha connotación propia, que poña en práctica a imaxinación e a creatividade do alumnado. Como esta proposta está ideada para calquera idade da etapa de educación infantil, deberase ter en conta se os nenos e nenas son capaces ou non de escribir por eles mesmos a significación correspondente, co cal de non ser posible, será a mestra ou mestre a encargada de redactalo. En todo caso, do debuxo serán eles os responsables para que participen de maneira activa na creación deste dicionario tan peculiar e poidan recorrer a el cantas veces o consideren pertinente.
Imaxe 3. Portada de Meu o dicionario é!


Imaxe 4. Exemplo de palabra descrita no dicionario
Seguindo nesta liña, quixeramos amosarvos outra formulación derivada da actividade anterior, un "Obradoiro de camisetas" consistente en plasmar en camisetas as palabras galegas que empregamos previamente para a elaboración do dicionario: ledicia, morriña, lecer, xesta... para que os nenos e nenas teñan oportunidade de coñecer conceptos típicos da nosa Comunidade, familiarizándose con estes dunha maneira lúdica e atractiva, como ocorre a través da elaboración de camisetas que poidan empregar e que á vez fomenten o uso de termos propios e característicos da lingua galega. O certo é que esta proposta é válida para calquera etapa educativa do centro, porén como futuros mestres e mestras de educación infantil gustaríanos centrala nesta etapa educativa xa que constrúe os piares da personalidade do alumnado, dos seus valores, ideais, etcétera. Por conseguinte, parécenos fundamental achegar aos nenos e nenas ao emprego do galego que actualmente está tan esquecido para moitos, co fin de que non entre nun desuso dinámico, senón que consideramos que o noso papel é o de fomentar o mesmo para o futuro próximo, é dicir, os nenos e nenas. Ademais, gustaríanos mencionar que para esta actividade precisamos da axuda das familias, co cal resulta unha boa ocasión para atraer aos pais e nais ao centro educativo, posto que, como sabemos, en numerosas ocasións existe unha barreira visible entre ambos axentes educativos. Pola contra, parécenos fundamental crear unha relación estreita entre familia e escola ao tratarse dos dous axentes máis importantes na socialización dos nenos e nenas. Esta proposta, pois, permite seguir na liña do fomento do uso da nosa lingua materna, pero dunha maneira verdadeiramente interesante: que mellor forma que coa colaboración das familias?

Asemade, decidimos empregar as ceras Plastidecor posto que permiten unha participación máis activa do alumnado, o que implica que se sintan protagonistas e que valoren en maior medida as súas propias creacións. Para que lles faga máis ilusión se cabe, poderíase reproducir o nome do dono de cada camiseta, facendo cada camiseta propia. En definitiva, trátase de motivalos e de captar a súa atención para que comecen a sentirse atraídos e interesados pola lingua galega .

O proceso de elaboración de devanditas camisetas consiste en que cada neno ou nena, unha vez escollida a verba que máis lle guste e en conxunto coa súa familia, debe elaborar unha especie de prantilla que esboce as formas das letras que compoñen a palabra escollida. Acto seguido, precísase dunha camiseta, a cal debe posicionarse sobre una dura superficie, e tamén se necesitan as labras obtidas de sacarlle punta ás pinturas Plastidecor e de papel albal. Polo tanto, sobre a camiseta posicionarase a prantilla e repartiranse as labras das Plastidecor polo ocos da mesma, de maneira que se situará o papel albal por enriba e cunha prancha, debemos aportar calor, pasando o ferro, para que finalmente podamos obter a nosa propia camiseta!
Imaxe 5. As labras das ceras Plastidecor

Imaxe 6. Proceso de elaboración das camisetas

Imaxe 7. Resultado final da camiseta coa palabra raiola
            Por outra banda, mediante a actividade "En galego facemos música" consideramos de vital importancia achegar aos nenos e nenas cara á tradición musical galega, constituída tanto por bailes como a muiñeira e a xota, así como instrumentos musicais propios de Galicia como o son a pandeireta, a gaita ou a frauta. Como é ben sabido, Paco Nogueiras caracterízase, ademais de pola súas lentes e o seu sombreiro, pola presenza dunha guitarra. Con respecto a isto, a actividade consistiría en que o docente describira unha serie de características dun instrumento musical que sexa típico en Galicia para que cada neno e nena o vaia debuxando segundo el mesmo o imaxine ou o recorde. É dicir, o mestre ou mestra encargarase de aportarlles información do tipo de “ten forma redonda”, “é de madeira”, “tócase cas mans”... para referirse á pandeireta ou “é alargada”, “é delgada”, “ten buratos”, etcétera para a frauta.
  
Imaxes 8 e 9. Debuxos dos instrumentos

            Neste sentido, tanto a danza como a música, de maneira xeral, forman parte da nosa cultura e tradición galegas, así como ocorre coa propia lingua, polo que é a nosa labor tratar de que o noso alumnado a coñeza e se familiarice con ela dende as primeiras idades, outorgándolle o valor e a importancia que realmente ten para a nosa identidade.
            Xa, para finalizar, levaríase a cabo outra proposta na aula denominada "Sentimos Galicia", dirixida tamén ao alumnado de educación infantil, que ten como principal obxectivo coñecer e diferenciar diversos tipos de aromas procedentes de árbores autóctonas de Galicia. En relación co poema de Paco Nogueiras, no que afirma “que bonito é respirar o recendo dunha xesta”, cremos conveniente que, dado que esta etapa se caracteriza pola necesidade dun amplo abanico de experiencias e situacións estimulantes, que lle permiten coñecer o mundo que os rodea a través dos órganos sensoriais, esta actividade pode resultar moi enriquecedora. En consonancia, o mestre ou mestra outorgaralle ao seu alumnado unha serie de follas, procedentes de distintos árbores, propios da nosa Comunidade, co fin de que os cativos e cativas comecen a coñecer e dominar a nosa flora, os seus atributos, as súas formas, os seus aromas, etcétera, de maneira que estes estímulos lles permitan beneficiarse do noso contorno máis próximo.


Imaxe 10. Diferentes tipos de follas

            En síntese, queremos destacar a aplicabilidade que poden ter estas propostas nunha aula de educación infantil e incluso, nas etapas educativas posteriores, pois trata dunha proposta xeneralizada cuxo obxectivo último radica en achegar aos nenos e nenas á lingua galega respectando o valor que esta posúe, así como achegar á infancia o noso patrimonio cultura, dende unha perspectiva lúdica e educativa, baixo a influencia de Paco Nogueiras, quen fai das palabras música.

            Consideramos que se trata dunha proposta próxima aos cativos e cativas, debido a que estes desenvolven o seu período de socialización dende o primeiro momento da súa vida no contorno próximo e no mundo que os rodea, que parte da realidade e fai sentir protagonistas aos nenos e nenas da súa propia aprendizaxe. Ademais, consideramos de vital importancia que as familias participen dun xeito activo conxuntamente coa escola, pois este escenario familiar é o contexto educativo por excelencia dende as primeiras idades. A natureza, a música e mesmo o debuxo son tamén valiosas fontes de información e expresión, que permiten aos nenos e nenas expresar o que senten, e emocionarse por medio dunhas linguaxes únicas, cheas de maxia e que os fan sentir especiais.

            En definitiva, achegamos aos nenos e nenas á súa cultura máis próxima desenvolvendo neles a capacidade de respecto e valoración por unha lingua e por unha cultura na que todo se pode facer, na que poden ser eles/as mesmos/as.

Agardamos que gozárades coa nosa proposta didáctica baseada na riqueza de Paco Nogueiras!

Traballo elaborado por:
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz

1 comentario: