Mostrando entradas con la etiqueta Paco Nogueiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Paco Nogueiras. Mostrar todas las entradas

miércoles, 8 de abril de 2015

De aquí a acolá... Paco Nogueiras está!

            Anímate a mergullarte na idea de que en galego todo se pode facer! Se ti tamén o cres ou se aínda posúes dúbidas ao respecto, non deixes de ler esta entrada, pois seguro que conseguirá espertar en ti unha gran curiosidade pola obra de Paco Nogueiras...
            Lembremos pois, a labor educativa e divulgativa levada a cabo por devandita figura dentro do panorama lúdico - pedagóxico galego, instaurando así unha nova e diferente maneira de ollar a nosa lingua, valorando a multitude de posibilidades e oportunidades que esta nos permite dentro do ámbito non soamente social, senón tamén educativo. En galego todo se pode facer, iso é o que Paco Nogueiras pretende transmitir a través da súa obra Brinca Vai! De maneira que, considerando a escasa valoración que, en moitas ocasións, a nosa lingua recibe, resulta ser esta unha gran oportunidade para achegar aos pequenos e pequenas a unha realidade que non resulta utópica, senón verdadeira, é dicir, que en galego, todo, absolutamente todo, se pode facer.
        Por conseguinte, consideramos que Brinca Vai! e a figura de Paco Nogueiras, trátanse de grandes e enriquecedores recursos a través dos cales levamos a cabo a seguinte aventura dinámica, intentando mergullar aos cativos e cativas no mundo do músico e compositor compostelán, e no mundo da lingua galega como máxima expresión, en definitiva. Asemade, non soamente introducir aos nenos e as nenas nas posibilidades que nos ofrece a lingua galega, senón que resulta ser tamén verdadeiramente útil e interesante esta obra para achegar aos rapaces e rapazas ao noso patrimonio cultural, lingüístico, natural, artístico, musical... un sen fin de posibilidades nos ofrece a personaxe que se esconde tras as lentes negras e o sombreiro de cor azul.
Imaxe 1. Portada do Cd-Dvd Brinca Vai!
extraída de http://musicaengalego.blogspot.com.es/2013/04/paco-nogueiras-brinca-vai.html

Deste xeito, os obxectivos que pretendemos acadar con devandita proposta didáctica son, entre outros, os seguintes:
- Dinamizar a lingua galega
- Dinamizar o noso patrimonio lúdico cultural literario
- Sentir orgullo pola cultura galega
- Fomentar a imaxinación e a creatividade
- Fuxir dos estereotipos
- Potenciar a capacidade de expresión
- Crear ferramentas para a busca de información (o noso propio dicionario)
- Familiarizarse con algúns termos propios da lingua galega
- Fomentar a participación activa do alumnado
- Potenciar a relación entre familia e escola
- Coñecer a nosa tradición musical galega, así como algúns instrumentos musicais característicos da mesma
- Traballar o sentido do olfacto
- Diferenciar diversos tipos de follas procedentes de distintas árbores

Desenvolvemento da proposta
             Tras unha primeira aproximación ao mundo de Paco Nogueiras, agora ofrecémosvos unha serie de propostas didácticas baseadas na ideoloxía e fundamentos que nos transmite este músico teatral mediante as súas composicións que conforman a súa obra literaria e musical titulada Brinca vai! e máis cocnretamente na canción Meu o mundo é!, a cal cómpre lembrar:
Que bonito poder dicir,
que fermoso sae o sol esta mañá para ti.
Que bonito poder sentir,
a ledicia a morriña.
Que delicia poder falar,
 con agarimo a un amigo,
 dar un bico a túa nai.
 Que festeiro aturuxar
cando danzas na punteira
 e un gaiteiro está a tocar.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
Que fachenda poder viaxar,
en carrilana e despois,
 unha feira visitar.
Que bonito é respirar,
o recendo dunha xesta,
escoitar o mar.
Que sorte poder contar,
teño dedas, teño unllas,
teño dúas mans.
Que bonito poder xogar,
ver voar un papaventos,
abanéome nun bambán.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!

A continuación, animádevos a ler as actividades deseñadas por nós!

A primeira delas, denominada “Eu falo galego...” ten como principal obxectivo dinamizar o uso da linga galega dentro das aulas de educación infantil. O escenario é un pequeno teatro no que cada un dos nenos e nenas se amosarán como un Paco Nogueiras propio, é dicir, cos atavíos que o caracterizan e o fan único, tales como o sombreiro de cor azul e as lentes, e afirmando unha frase que comeza con “Eu falo galego...” que deberán ir completando coas súas ocorrencias particulares, por exemplo “Eu falo galego cando estou cos meus amigos”, “Eu falo galego porque me fai feliz”, “Eu falo galego na casa dos meus avós”, etcétera. Deste xeito cáptanse membros da Comunidade Educativa mediante unha proposta lúdica a través da cal conseguiremos que cativos e cativas se sintan orgullosos e satisfeitos de falar a súa lingua materna. Así mesmo, achegarémolos á figura de Paco Nogueiras e á súa importancia de cara ao mantemento do galego como lingua cooficial de Galicia.
Imaxe 2- Fotografía propia. Nena no teatro coma Paco Nogueiras

Outra das actividades que propoñemos, denominada "Meu o diccionario é!" baséase na lectura do poema de Paco Nogueiras xa que, evidentemente, hai palabras que os pequenos e pequenas non entenderán pola súa dificultade ou polo escaso emprego das mesmas no seu vocabulario habitual, polo que o noso rol como mestres e mestras será o de explicarlles aos nenos e nenas que existen ferramentas para buscar as palabras cuxo significado non coñecemos, como internet ou mesmo os dicionarios. Respecto a este último, ao tratarse dun elemento bastante complexo de cara á etapa infantil, cremos imprescindible elaborar nós mesmas un dicionario propio que recolla os conceptos descoñecidos, dotándoos dunha explicación máis próxima á linguaxe da primeira infancia. Deste xeito, a cada neno ou nena corresponderalle unha palabra das seleccionadas a partir do poema de Paco Nogueiras titulado “Meu o mundo é”, xunto a cal deberán debuxar, trala explicación pertinente do concepto, a representación que se imaxinen da mesma, é dicir, outorgarlle unha connotación propia, que poña en práctica a imaxinación e a creatividade do alumnado. Como esta proposta está ideada para calquera idade da etapa de educación infantil, deberase ter en conta se os nenos e nenas son capaces ou non de escribir por eles mesmos a significación correspondente, co cal de non ser posible, será a mestra ou mestre a encargada de redactalo. En todo caso, do debuxo serán eles os responsables para que participen de maneira activa na creación deste dicionario tan peculiar e poidan recorrer a el cantas veces o consideren pertinente.
Imaxe 3. Portada de Meu o dicionario é!


Imaxe 4. Exemplo de palabra descrita no dicionario
Seguindo nesta liña, quixeramos amosarvos outra formulación derivada da actividade anterior, un "Obradoiro de camisetas" consistente en plasmar en camisetas as palabras galegas que empregamos previamente para a elaboración do dicionario: ledicia, morriña, lecer, xesta... para que os nenos e nenas teñan oportunidade de coñecer conceptos típicos da nosa Comunidade, familiarizándose con estes dunha maneira lúdica e atractiva, como ocorre a través da elaboración de camisetas que poidan empregar e que á vez fomenten o uso de termos propios e característicos da lingua galega. O certo é que esta proposta é válida para calquera etapa educativa do centro, porén como futuros mestres e mestras de educación infantil gustaríanos centrala nesta etapa educativa xa que constrúe os piares da personalidade do alumnado, dos seus valores, ideais, etcétera. Por conseguinte, parécenos fundamental achegar aos nenos e nenas ao emprego do galego que actualmente está tan esquecido para moitos, co fin de que non entre nun desuso dinámico, senón que consideramos que o noso papel é o de fomentar o mesmo para o futuro próximo, é dicir, os nenos e nenas. Ademais, gustaríanos mencionar que para esta actividade precisamos da axuda das familias, co cal resulta unha boa ocasión para atraer aos pais e nais ao centro educativo, posto que, como sabemos, en numerosas ocasións existe unha barreira visible entre ambos axentes educativos. Pola contra, parécenos fundamental crear unha relación estreita entre familia e escola ao tratarse dos dous axentes máis importantes na socialización dos nenos e nenas. Esta proposta, pois, permite seguir na liña do fomento do uso da nosa lingua materna, pero dunha maneira verdadeiramente interesante: que mellor forma que coa colaboración das familias?

Asemade, decidimos empregar as ceras Plastidecor posto que permiten unha participación máis activa do alumnado, o que implica que se sintan protagonistas e que valoren en maior medida as súas propias creacións. Para que lles faga máis ilusión se cabe, poderíase reproducir o nome do dono de cada camiseta, facendo cada camiseta propia. En definitiva, trátase de motivalos e de captar a súa atención para que comecen a sentirse atraídos e interesados pola lingua galega .

O proceso de elaboración de devanditas camisetas consiste en que cada neno ou nena, unha vez escollida a verba que máis lle guste e en conxunto coa súa familia, debe elaborar unha especie de prantilla que esboce as formas das letras que compoñen a palabra escollida. Acto seguido, precísase dunha camiseta, a cal debe posicionarse sobre una dura superficie, e tamén se necesitan as labras obtidas de sacarlle punta ás pinturas Plastidecor e de papel albal. Polo tanto, sobre a camiseta posicionarase a prantilla e repartiranse as labras das Plastidecor polo ocos da mesma, de maneira que se situará o papel albal por enriba e cunha prancha, debemos aportar calor, pasando o ferro, para que finalmente podamos obter a nosa propia camiseta!
Imaxe 5. As labras das ceras Plastidecor

Imaxe 6. Proceso de elaboración das camisetas

Imaxe 7. Resultado final da camiseta coa palabra raiola
            Por outra banda, mediante a actividade "En galego facemos música" consideramos de vital importancia achegar aos nenos e nenas cara á tradición musical galega, constituída tanto por bailes como a muiñeira e a xota, así como instrumentos musicais propios de Galicia como o son a pandeireta, a gaita ou a frauta. Como é ben sabido, Paco Nogueiras caracterízase, ademais de pola súas lentes e o seu sombreiro, pola presenza dunha guitarra. Con respecto a isto, a actividade consistiría en que o docente describira unha serie de características dun instrumento musical que sexa típico en Galicia para que cada neno e nena o vaia debuxando segundo el mesmo o imaxine ou o recorde. É dicir, o mestre ou mestra encargarase de aportarlles información do tipo de “ten forma redonda”, “é de madeira”, “tócase cas mans”... para referirse á pandeireta ou “é alargada”, “é delgada”, “ten buratos”, etcétera para a frauta.
  
Imaxes 8 e 9. Debuxos dos instrumentos

            Neste sentido, tanto a danza como a música, de maneira xeral, forman parte da nosa cultura e tradición galegas, así como ocorre coa propia lingua, polo que é a nosa labor tratar de que o noso alumnado a coñeza e se familiarice con ela dende as primeiras idades, outorgándolle o valor e a importancia que realmente ten para a nosa identidade.
            Xa, para finalizar, levaríase a cabo outra proposta na aula denominada "Sentimos Galicia", dirixida tamén ao alumnado de educación infantil, que ten como principal obxectivo coñecer e diferenciar diversos tipos de aromas procedentes de árbores autóctonas de Galicia. En relación co poema de Paco Nogueiras, no que afirma “que bonito é respirar o recendo dunha xesta”, cremos conveniente que, dado que esta etapa se caracteriza pola necesidade dun amplo abanico de experiencias e situacións estimulantes, que lle permiten coñecer o mundo que os rodea a través dos órganos sensoriais, esta actividade pode resultar moi enriquecedora. En consonancia, o mestre ou mestra outorgaralle ao seu alumnado unha serie de follas, procedentes de distintos árbores, propios da nosa Comunidade, co fin de que os cativos e cativas comecen a coñecer e dominar a nosa flora, os seus atributos, as súas formas, os seus aromas, etcétera, de maneira que estes estímulos lles permitan beneficiarse do noso contorno máis próximo.


Imaxe 10. Diferentes tipos de follas

            En síntese, queremos destacar a aplicabilidade que poden ter estas propostas nunha aula de educación infantil e incluso, nas etapas educativas posteriores, pois trata dunha proposta xeneralizada cuxo obxectivo último radica en achegar aos nenos e nenas á lingua galega respectando o valor que esta posúe, así como achegar á infancia o noso patrimonio cultura, dende unha perspectiva lúdica e educativa, baixo a influencia de Paco Nogueiras, quen fai das palabras música.

            Consideramos que se trata dunha proposta próxima aos cativos e cativas, debido a que estes desenvolven o seu período de socialización dende o primeiro momento da súa vida no contorno próximo e no mundo que os rodea, que parte da realidade e fai sentir protagonistas aos nenos e nenas da súa propia aprendizaxe. Ademais, consideramos de vital importancia que as familias participen dun xeito activo conxuntamente coa escola, pois este escenario familiar é o contexto educativo por excelencia dende as primeiras idades. A natureza, a música e mesmo o debuxo son tamén valiosas fontes de información e expresión, que permiten aos nenos e nenas expresar o que senten, e emocionarse por medio dunhas linguaxes únicas, cheas de maxia e que os fan sentir especiais.

            En definitiva, achegamos aos nenos e nenas á súa cultura máis próxima desenvolvendo neles a capacidade de respecto e valoración por unha lingua e por unha cultura na que todo se pode facer, na que poden ser eles/as mesmos/as.

Agardamos que gozárades coa nosa proposta didáctica baseada na riqueza de Paco Nogueiras!

Traballo elaborado por:
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz

miércoles, 25 de marzo de 2015

As palabras son música con Paco Nogueiras

Un sombreiro, unhas lentes, a cor azul, a lingua galega, a música... é o que identifica ao protagonista da entrada de hoxe: Paco Nogueiras! Arríscate a coñecelo.
“Músico, actor, e sobre todo, pai de familia” así se definiu Paco Nogueiras nas pasadas Xornadas de Materiais e Recursos Educativos en Santiago de Compostela, cidade na que saudou ao mundo aló fai 45 anos, é dicir, no ano 1970.
Ilustración 1. Paco Nogueiras co seu peculiar aspecto que o caracteriza e o fai único

O músico compostelán é diplomado en Graduado Social, aínda que foi tempo despois de rematar dita formación académica, cando lle xurdiu o interese por impartir clases de teatro tras formarse con artistas da talla de Andrés Pazos e Fabio Mangolini, comezando a dirixir tamén representacións ou entidades culturais e actividades en diversos centros educativos da nosa Comunidade. Porén, tal e como el asegura, asumir o rol de pai de familia, foi o que lle levou a impulsar unha iniciativa baixo a idea de fusionar a música como recurso educativo e canle internacional de comunicación positiva, xunto coa lingua galega, de maneira que resulta verdadeiramente significativa para todos os públicos, a pesares de que o seu destinatario principal sexa o mundo infantil. Podemos remitirnos así á obra “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas, quen pretendía transmitir a historia ao público adulto, mais rematou converténdose nunha obra que os nenos e nenas a fixeron propia.
Deste xeito Paco Nogueiras, mediante as súas cancións traballa, por unha banda, a música, e por outra, o fomento da lingua galega, realizando composicións cuxo fin radica en achegar o noso patrimonio cultural e lúdico aos rapaces e rapazas. Para iso, considera que, resulta fundamental que se involucren tanto o emisor como o receptor, favorecendo así a receptividade, e creando unha envexa sa para que o que non acostuma a participar da cultura galega se anime a facelo. E que mellor receptor que un neno ou unha nena? É dicir, o que pretende Paco Nogueiras é facer partícipes aos nenos e nenas do noso, da nosa cultura, en fin, da nosa lingua.
          Asemade, o músico teatral considera que se cada vez que se consegue que un cativo ou cativa adquira unha palabra galega como propia resulta ser un fenómeno verdadeiramente fascinante e significativo, é, pois, un paso realmente importante para a nosa cultura galega. Un exemplo palpable a este respecto sería denominar a Halloween como Samaín ou mesmo Entroido en vez de Carnaval. É deste xeito polo que o seu traballo radica nos medios audovisuais mediante un compoñente totalmente lúdico e próximo aos pequenos, de maneira que a canción e a imaxe camiñen cara a mesma dirección. Tal e como afirma o propio Paco Nogueiras: “Todos somos música xa que a música atópase en cada un dos recunchos da nosa vida, dende o inicio da nosa existencia a través do latexo do corazón”.
            A labor actual que está a realizar o noso protagonista non sería posible se non fora pola oportunidade que experimentou anteriormente como percusionista de Els Comediants e Os Quinquilláns. Así mesmo, na actualidade forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres TENedORES, do grupo Os Modernos e do coro da Escola Estudio de Música de Santiago. Por outra banda, a Paco Nogueiras interesoulle formarse no ámbito da música tradicional, creando unha banda sonora de diversos espectáculos teatrais, musicais, de danza e incluso dunha serie infantil da TVG.  Paco Nogueiras amosa a súa andadura na entrevista concedida a Montse Dopico no Magazine Cultural Galego: “Eu comecei na música tradicional. Despois fixen teatro de rúa e din aulas de teatro. Estiven en Os Quinquilláns, no grupo Ophiusa… Traballei trece anos nunha tenda de discos, e cando esta pechou os que me abriron os brazos foron Os Tres TENedORES, que fan música infantil e teatro. Despois volvín a Ophiusa. E chamáronme doutros grupos, como Os Modernos. Tiven sorte, porque sempre houbo xente que me axudou”.
Ilustración 2. Imaxe do grupo Os Tres TENedORES

            Tras o exposto anteriormente, débese mencionar que, se partimos da base de que os nenos e nenas se atopan nun intre no cal a súa atención se centra exclusivamente no xogo fonético das palabras e dos sons, na súa harmonía...é dicir, a súa mente é totalmente reducionista, deste xeito achegar os xogos musicais resulta un feito totalmente imprescindible pois lembremos que as palabras son música e os fonemas, melodías (Durán, 2002). Ademais, tal e como nos transmitiu o propio Paco Nogueiras nas VII Xornadas de Materiais e Recursos Educativos á que tivemos oportunidade de asistir, o verdadeiramente importante radica no feito de que somos galegos, e, polo tanto, posuímos unha gran vantaxe neste sentido, pois a música galega é moi maleable, podendo adaptala a calquera base e, sobre todo, achegala aos nenos e nenas, sen que esta se converta nunha música densa e pouco lúdica. Trátase dunha música mundial, aberta ao mundo.
Ilustración 3. Folleto das VII Xornadas de Materiais e Recursos Educativos

            Desafortunadamente, a realidade actual caracterízase por unha ausencia de soportes (libros, discos, etcétera) así como de autores que difundan e actualicen o noso patrimonio cultural lúdico e galego (Durán, 2002).
En síntese, por conseguinte, el concienciouse do explicado no parágrafo anterior, e ante esta necesidade de reivindicar e de preservar e promocionar o noso patrimonio cultural, e sobre todo, a nosa lingua que é o que nos caracteriza como galegos, Paco Nogueiras, coa axuda especialmente das súas dotes profesionais como actor e músico, así como das influencias persoais como son a súa familia, os seus amigos, e máis concretamente da súa filla, foi o que lle inspirou a publicar este gran traballo de Brinca Vai. Trátase, en definitiva, de xerar impacto nos nenos e nenas baixo a idea da innovación, de refrescar o que xa existe.
Algunhas das súas composicións son...
O autor Paco Nogueiras posúe dentro da súa obra Brinca Vai doce cancións de amplos estilos musicais: techno, rock, reggae, electrónica… contando con ilustracións realizadas por David Pintor e vídeos musicais gravados por José Miguel Sagüillo. Todas elas son escritas e cantadas en galego, co fin de potenciar o uso desta lingua e dar a coñecer as festividades galegas máis representativas por medio da música. O músico teatral aproveita tamén para facer algunhas reivindicacións nas súas composicións, algo imprescindible no mundo infantil á hora de promover o uso da lingua galega entre os máis pequenos e pequenas.
Polo tanto, Brinca vai trátase dunha proposta lúdica e transgresora, que transmite bo humor, e que se complementa con imaxes de colorido, expresividade e dinamismo. Actualmente inclúe unha serie de cancións e videoclips que se fundamentan, como xa dixemos, nunha temática das festividades galegas máis usuais: o Entroido, O Samaín, etcétera. Así mesmo, entre as máis reivindicativas atopamos cancións como “Meu o mundo é!”, así como outras moitas cuxa temática abrangue o currículo escolar, así como a natureza, os xogos tradicionais, os libros en galego… “Son as cancións do Brinca Vai!, unidas por unha trama teatral en clave de humor, cun enfoque lúdico, dinámico, divertido… Os temas son as festas e, en xeral, o que se inclúe no currículo escolar: a amizade, a ecoloxía… e tamén a cultura do país: a lingua, os escritores…” tal e como di Nogueiras nunha entrevista cedida a Montse Dopico no Magazine Cultural Galego (2015).
            “Que bonito é poder sentir a ledicia e a morriña! Que ledicia poder  falar con agarimo  a un amigo, darlle un bico á túa nai! En galego falo, en galego sinto. En galego canto, en galego sinto, e sabes que non minto!”, maniféstase na canción “Meu o mundo é!”.
En definitiva, “Brinca vai!” é, como di o propio Nogueiras, un libro para ver, ler e escoitar, baseándose nunha iniciativa lúdica que trata de achegar aos nenos e nenas o noso patrimonio cultural e lingüístico, fomentando neles o interese polo mesmo, mediante un medio audiovisual.
En cancións como “No Samaín”, Nogueiras fai unha recompilación dos aspectos máis característicos e significativos do Samaín, describíndoos de maneira graciosa e amena para os nenos e nenas, como un método para traballar esta festividade. Así mesmo, noutras composicións como no caso de “O Apalpador”, pretende dar a coñecer á infancia galega a figura do apalpador mentres aporta unha descrición do mesmo e da súa función. Estes exemplos pertencen ao grupo das composicións que anteriormente xa avanzabamos como formas de dar a coñecer a cultura galega. “O rap do Magosto” ou “O Entroido move o corpo” son outros exemplos de elementos da nosa cultura que Paco Nogueiras reivindica nas súas cancións.
Por outra parte, outras obras como “Apertas que voan”, transmiten mensaxes educativas e cheas de valores positivos para a infancia dos nenos e nenas galegos, contando unha historia duns amigos de distinta cor, unha característica que non semella ser un impedimento para constituír a súa amizade. O resto de músicas incorporadas no libro cd continúan con estas temáticas xa mencionadas, así como con algunhas con un ton mais reivindicativo. Outras cancións como “Brinca vai!” ou “Cos pés na terra” son cancións alegres que animan especialmente ao movemento e ao aspecto lúdico.
Finalmente, en cancións como “Meu mundo é” ou “A palabra ten vida” Paco Nogueiras, reivindica o uso da lingua galega como ferramenta imprescindible na nosa vida.
Obra
Ilustración 4.  Portada do cd de Binca vai!
            Título: Meu mundo é!
Obra na que se inclúe: Brinca vai!  
Ilustrador: David Pintor
            Editorial: Kalandraka
            Ano de edición: 2014
            ISBN: 9788484648772







Que bonito poder dicir,
que fermoso sae o sol esta mañá para ti.
Que bonito poder sentir,
a ledicia a morriña.
Que delicia poder falar,
 con agarimo a un amigo,
 dar un bico a túa nai.
 Que festeiro aturuxar
cando danzas na punteira
 e un gaiteiro está a tocar.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
Que fachenda poder viaxar,
en carrilana e despois,
 unha feira visitar.
Que bonito é respirar,
o recendo dunha xesta,
escoitar o mar.
Que sorte poder contar,
teño dedas, teño unllas,
teño dúas mans.
Que bonito poder xogar,
ver voar un papaventos,
abanéome nun bambán.
En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
En galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!


A canción pertencente a Paco Nogueiras, e leva o nome de “Meu o mundo é”, forma parte do seu libro-cd-dvd Brinca Vai!, o cal está composto e interpretado por el mesmo e con ilustracións de David Pintor.
            O tema principal do disco é unha especie de protesta a determinadas situacións nos que se impide ou dificulta o uso do galego. Polo tanto, reivindica o seu espazo no mundo, empregando termos tan propios da nosa lingua como “unllas”, “dedas” ou “aturuxar”. Unha proba disto é o seu retrouso, que di así:
 “En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!”
            O principal obxectivo de Paco Nogueiras que pretende acadar con esta canción tan pegadiza é que cada un e unha teña o seu espazo en galego, pois na nosa Galiza estase esquecendo esta lingua tan fermosa para nós e que grazas a ela enriquecemos a nosa vida. Ademais, pretende facernos reflexionar, pois co galego podemos facer o mesmo que con outra lingua, polo que a través da súa melodía procura achegarnos máis á nosa lingua materna, pois tamén somos quen somos grazas a ela e por desgraza moitas persoas a teñen descoidada. Con todo isto, Paco Nogueiras fai fincapé naquelas emocións propias da nosa lingua, como é o caso da ledicia e a morriña, que nos caracterizan e nos fan únicos, identificándonos como galegos. Polo tanto, os sentimentos e emocións constitúen un tema fundamental na súa composición, considerado como un dos contidos máis importantes na nosa sociedade, ademais, non só temos que ser conscientes de que existen e están na nosa vida cotiá, senón que tamén temos que amosalos ante as persoas achegadas a nós, como por exemplo, a nosa nai, amigos, pai...
Ilustración 5. Extracto sacado do videoclip da canción "Meu o mundo é"

            Paco Nogueiras opta por unha forma realmente orixinal de cara a aproximarnos ó noso mundo chamado Galiza, nomeando unha serie de elementos pertencentes á natureza da mesma, pois a xesta e o mar forman parte dunha paisaxe única e propia desta magnífica comunidade, utilizando expresión típicas galegas, como por exemplo: “Que bonito respirar o recendo dunha xesta” e “escoitar o mar”, pois temos a sorte de ser outorgados por estas delicias. Así mesmo, no vídeo aparecen elementos propios da nosa cultura, como é o caso da gaita e o seu característico son, así como o baile tradicional galego, a muiñeira.
            Un aspecto realmente importante a destacar na obra de Nogueiras é o fomento do uso da lectura e escritura en galego, pois hoxe en día, desafortunadamente, existen poucas persoas que lean libros en galego. Neste caso, é necesario abordar este tema cos nenos e nenas, pois son o noso futuro próximo e os responsables de que o galego perdure no tempo e nos nosos días. Como futuras mestras e mestres, temos a obriga de ofrecer material no que se utilice o galego, pois é a nosa lingua oficial xunto co castelán, coa diferenza de que o galego é a lingua minoritaria na maioría das provincias de Galiza.
            En definitiva, este músico teatral compón as cancións segundo o interese dos nenos e nenas, coa axuda da súa filla, que é a súa fonte principal de inspiración. Polo tanto, nesta obra o tema principal é o galego, que ven acompañado de moitos outros temas como os sentimentos e as emocións, sempre dende un punto de vista da nosa lingua galega. Así mesmo, fai referencia a un amplo abanico de actividades propias da nosa cultura, o que abarca dende bailar a muiñeira, tocar a gaita, visitar feiras, escoitar o mar, ver voar un papaventos, respirar o recendo dunha xesta... ata xogar nos bambáns. Desta maneira e utilizando una melodía pegadiza, tanto os nenos e nenas coma os adultos, achegaranse á súa cultura, esquecida por moitos. Ademais, a utilización dunha canción ou un poema levado á melodía resulta realmente novidoso á hora de defender o galego.
Paco Nogueiras, fiel defensor da nosa terra Galicia, reivindica en cada unha das súas obras a importancia da mesma e a riqueza que posúe. É neste lugar, onde a música, a danza ou mesmo o teatro, son piares fundamentais que guiaron e seguen guiando a súa traxectoria de vida. Como el mesmo indica na composición “Meu o mundo é”, en galego é posible falar, sentir, cantar, ler, escribir, bailar...en galego non hai límites.
Este autor compostelán, é quen de establecer unha correspondencia directa entre dúas das artes que forman parte das nosas vidas: a poesía e a música; unha combinación canto menos chea de sentimentos e emocións. Por outra banda, é necesario sinalar os seus dotes e calidades para o mundo do teatro, pois esta é outra das artes que se inclúe en “Meu o mundo é”.
Como xa indicou en liñas anteriores, Paco Nogueiras é un recente autor galego que a pesares de contar con múltiples fontes e artes que lle serven como inspiración para as súas producións, aínda non tivo a oportunidade de causar impacto nin ser tomado como referencia por outros autores nin artistas, a pesares de que o seu éxito neste momento non fai máis que medrar.
Asemade, entre Paco Nogueiras e a música tamén existe un forte vínculo, tanto coas recompilacións tradicionais coma coas actuais, pero sempre pensando nuns claros destinatarios: os nenos e nenas. A súa colaboración como contacontos, como mestre de teatro ou como creador de espectáculos teatrais, musicais e mesmo de danza, supuxo a base que o impulsou a publicar “Brinca vai”, unha obra na que a mestura entre poesía, música e danza reluce por si soa.
Outra das importantes influencias que non debemos pasar por alto, radica na consideración do currículo infantil que o autor compostelán toma como inspiración para o seu proxecto, pois a natureza, os xogos tradicionais ou celebracións coma o Entroido ou o Samaín, son elementos que inundan de alegría e enerxía a súa obra, que forman parte da realidade infantil, e que incentivan o enorme valor cultural de Galicia, e a importancia de conservalo e valoralo como tal, obxectivo que Paco Nogueiras ten moi presente. Trátase por tanto, de conservar a riqueza cultural e patrimonial coa que contamos desde unha perspectiva lúdica, que se corresponde inevitablemente coa personalidade do compostelán, unha personalidade chea de luz, cor, de dinamismo, de expresividade, de espontaneidade e de amor por Galiza, amor que tamén compartía unha das influencias máis fortes para este compositor: Rosalía de Castro.
Por conseguinte, a influencia máis directa que este artista xera e produce, recae sobre o mundo infantil, aquel que o toma como referente de dinamismo, de unha mente que crea e destrúe, que combina, que é capaz de expresar o que sinte extrapolando esa mesma intensidade, e sobre todo, influencia a capacidade dos nenos e nenas para buscar aquilo que verdadeiramente suscita o seu interese e curiosidade, e loitar porque o resto do mundo o coñeza e valore, que o teñan en conta. Non obstante, “Meu o mundo é” tamén é tomado como referente de cara á importancia de que os nenos e nenas identifiquen e recoñezan Galicia coma un lugar marabilloso, fantástico, cheo de recursos, de beleza, e que lle vai a proporcionar múltiples, diversas e polivalentes formas de expresión e actuación.
Como mestres e mestras, e tomando como referencia esta obra do autor, pode ser interesante ofrecerlles aos cativos e cativas un ritmo calquera, base sobre a que poden expresar unha frase para xerar colectivamente unha canción propia, establecendo así unha proximidade no traballo mental, pois é importante chegar aos nenos e nenas mediante aquilo que queremos transmitir e que ronda a nosa cabeza, pois en galego, calquera idea, pensamento ou cousa é viable, interesante e enriquecedora.
En definitiva, a influencia máis importante que causa esta obra de Paco Nogueiras radica no achegamento da poboación á cultura galega dende moitos e polivalentes ámbitos, que permitan entendela, querela, valorala, e expresarse libremente, perspectiva e defensa que tamén facían Miguel González Garcés na súa obra “Poema ó meu mar”, ou “Galicia” de Xoán Corral; tanto eles coma o autor no que nos estamos a centrar, comparten o contido que transmite un dos versos de “Meu o mundo é”, pois:
“[...] En galego todo podo facer,
En galego estou no mundo...
Meu o mundo é! [...]”
             
Síntese final:
En definitiva, tras a análise da obra de Paco Nogueiras e da súa iniciativa como músico teatral, e non realmente como un poeta en si, consideramos que a través da súa figura é demostrable que mediante as palabras se pode facer música, e, polo tanto, transmitir a verdadeira beleza que posúen os poemas. Polo tanto, o compostelán conseguiu transmitinos que, como futuros mestres e mestras de Educación Infantil, o verdadeiramente importante radica en ser capaces de achegarnos aos nenos e nenas mediante o que realmente queremos transmitir, polo tanto, se actuamos como verdadeiros referentes e se tomamos consciencia de que mediante a lingua galega se poden realizar verdadeiras creacións ricas e belas, evitaremos todo tipo de prexuízos e barreiras en torno á inutilidade e ao desprestixio do galego. En conseguinte, como futuros e futuras docentes, debemos ter presente a idea de que en galego se pode crear, podendo achegar a nosa propia cultura dende moitos e variados ámbitos.
A música é un recurso moi potente como apoio para dinamización lingüística e a normalización.

Referencias bibliográficas
Apuntamentos recollidos nas VII Xornadas de Materias e Recursos Didácticos levados a cabo na Facultade de Ciencias de Educación os días 24 e 25 de outubro do 2014.
Durán, T. (2002). Leer antes de leer. Madrid: Anaya
Nogueiras, P. (2014). Brinca vai. Pontevedra: Kalandraka

Páxinas web consultadas
Blog no cal podemos obter información da obra de Paco Nogueiras http://musicaengalego.blogspot.com.es/2013/04/paco-nogueiras-brinca-vai.html
Páxina na cal se pode obter información identificativos de obras literarias  http://www.casadellibro.com/libro-brinca--vai-inclue-cddvd/9788484648772/2313393
Páxina oficial da obra de Paco Nogueiras http://www.brincavai.com/
Páxina oficial da editorial que publicou o libro-cd-dvd de Paco Nogueiras www.kalandraka.com

Entrada elaborada por:
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz