Un
sombreiro, unhas lentes, a cor azul, a lingua galega, a música... é o que
identifica ao protagonista da entrada de hoxe: Paco Nogueiras! Arríscate a
coñecelo.
“Músico,
actor, e sobre todo, pai de familia” así se definiu Paco Nogueiras nas pasadas Xornadas
de Materiais e Recursos Educativos en Santiago de Compostela, cidade na que
saudou ao mundo aló fai 45 anos, é dicir, no ano 1970.
Ilustración 1. Paco Nogueiras co seu peculiar aspecto que o caracteriza e o fai único |
O
músico compostelán é diplomado en Graduado Social, aínda que foi tempo despois de
rematar dita formación académica, cando lle xurdiu o interese por impartir
clases de teatro tras formarse con artistas da talla de Andrés Pazos e Fabio
Mangolini, comezando a dirixir tamén representacións ou entidades culturais e actividades
en diversos centros educativos da nosa Comunidade. Porén, tal e como el
asegura, asumir o rol de pai de familia, foi o que lle levou a impulsar unha
iniciativa baixo a idea de fusionar a música como recurso educativo e canle
internacional de comunicación positiva, xunto coa lingua galega, de maneira que
resulta verdadeiramente significativa para todos os públicos, a pesares de que
o seu destinatario principal sexa o mundo infantil. Podemos remitirnos así á obra
“Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas, quen pretendía transmitir a
historia ao público adulto, mais rematou converténdose nunha obra que os nenos
e nenas a fixeron propia.
Deste
xeito Paco Nogueiras, mediante as súas cancións traballa, por unha banda, a
música, e por outra, o fomento da lingua galega, realizando composicións cuxo
fin radica en achegar o noso patrimonio cultural e lúdico aos rapaces e rapazas.
Para iso, considera que, resulta fundamental que se involucren tanto o emisor
como o receptor, favorecendo así a receptividade, e creando unha envexa sa para
que o que non acostuma a participar da cultura galega se anime a facelo. E que
mellor receptor que un neno ou unha nena? É dicir, o que pretende Paco
Nogueiras é facer partícipes aos nenos e nenas do noso, da nosa cultura, en
fin, da nosa lingua.
A labor actual que está a realizar o noso protagonista
non sería posible se non fora pola oportunidade que experimentou anteriormente
como percusionista de Els Comediants e
Os Quinquilláns. Así mesmo, na
actualidade forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres TENedORES, do grupo Os Modernos e do coro da Escola Estudio de Música de Santiago.
Por outra banda, a Paco Nogueiras interesoulle formarse no ámbito da música
tradicional, creando unha banda sonora de diversos espectáculos teatrais,
musicais, de danza e incluso dunha serie infantil da TVG. Paco Nogueiras amosa a súa andadura na
entrevista concedida a Montse Dopico no Magazine
Cultural Galego: “Eu comecei na música tradicional. Despois fixen teatro de
rúa e din aulas de teatro. Estiven en Os
Quinquilláns, no grupo Ophiusa…
Traballei trece anos nunha tenda de discos, e cando esta pechou os que me
abriron os brazos foron Os Tres TENedORES,
que fan música infantil e teatro. Despois volvín a Ophiusa. E chamáronme doutros grupos, como Os Modernos. Tiven sorte, porque sempre houbo xente que me axudou”.
Ilustración 2. Imaxe do grupo Os Tres TENedORES |
Tras o exposto anteriormente, débese mencionar que, se
partimos da base de que os nenos e nenas se atopan nun intre no cal a súa
atención se centra exclusivamente no xogo fonético das palabras e dos sons, na
súa harmonía...é dicir, a súa mente é totalmente reducionista, deste xeito
achegar os xogos musicais resulta un feito totalmente imprescindible pois
lembremos que as palabras son música e os fonemas, melodías (Durán, 2002).
Ademais, tal e como nos transmitiu o propio Paco Nogueiras nas VII Xornadas de Materiais e Recursos
Educativos á que tivemos oportunidade de asistir, o verdadeiramente importante
radica no feito de que somos galegos, e, polo tanto, posuímos unha gran vantaxe
neste sentido, pois a música galega é moi maleable, podendo adaptala a calquera
base e, sobre todo, achegala aos nenos e nenas, sen que esta se converta nunha
música densa e pouco lúdica. Trátase dunha música mundial, aberta ao mundo.
Ilustración 3. Folleto das VII Xornadas de Materiais e Recursos Educativos |
Desafortunadamente, a realidade actual caracterízase por
unha ausencia de soportes (libros, discos, etcétera) así como de autores que
difundan e actualicen o noso patrimonio cultural lúdico e galego (Durán, 2002).
En síntese, por conseguinte, el
concienciouse do explicado no parágrafo anterior, e ante esta necesidade de
reivindicar e de preservar e promocionar o noso patrimonio cultural, e sobre
todo, a nosa lingua que é o que nos caracteriza como galegos, Paco Nogueiras,
coa axuda especialmente das súas dotes profesionais como actor e músico, así
como das influencias persoais como son a súa familia, os seus amigos, e máis
concretamente da súa filla, foi o que lle inspirou a publicar este gran
traballo de Brinca Vai. Trátase, en definitiva, de xerar
impacto nos nenos e nenas baixo a idea da innovación, de refrescar o que xa
existe.
Algunhas das súas composicións son...
O autor Paco Nogueiras posúe dentro da súa obra Brinca
Vai doce cancións de amplos estilos musicais: techno, rock, reggae,
electrónica… contando con ilustracións realizadas por David Pintor e vídeos
musicais gravados por José Miguel Sagüillo. Todas elas son escritas e cantadas
en galego, co fin de potenciar o uso desta lingua e dar a coñecer as
festividades galegas máis representativas por medio da música. O músico teatral
aproveita tamén para facer algunhas reivindicacións nas súas composicións, algo
imprescindible no mundo infantil á hora de promover o uso da lingua galega
entre os máis pequenos e pequenas.
Polo tanto, Brinca vai trátase dunha proposta lúdica
e transgresora, que transmite bo humor, e que se complementa con imaxes de
colorido, expresividade e dinamismo. Actualmente inclúe unha serie de cancións
e videoclips que se fundamentan, como xa dixemos, nunha temática das
festividades galegas máis usuais: o Entroido, O Samaín, etcétera. Así mesmo,
entre as máis reivindicativas atopamos cancións como “Meu o mundo é!”, así como
outras moitas cuxa temática abrangue o currículo escolar, así como a natureza,
os xogos tradicionais, os libros en galego… “Son as cancións do Brinca Vai!,
unidas por unha trama teatral en clave de humor, cun enfoque lúdico, dinámico,
divertido… Os temas son as festas e, en xeral, o que se inclúe no currículo
escolar: a amizade, a ecoloxía… e tamén a cultura do país: a lingua, os
escritores…” tal e como di Nogueiras nunha entrevista cedida a Montse Dopico no
Magazine Cultural Galego (2015).
“Que
bonito é poder sentir a ledicia e a morriña! Que ledicia poder falar con agarimo a un amigo, darlle un bico á túa nai! En
galego falo, en galego sinto. En galego canto, en galego sinto, e sabes que non
minto!”, maniféstase na canción “Meu o mundo é!”.
En definitiva, “Brinca vai!” é, como di o propio Nogueiras,
un libro para ver, ler e escoitar, baseándose nunha iniciativa lúdica que trata
de achegar aos nenos e nenas o noso patrimonio cultural e lingüístico,
fomentando neles o interese polo mesmo, mediante un medio audiovisual.
En cancións como “No Samaín”, Nogueiras fai unha recompilación
dos aspectos máis característicos e significativos do Samaín, describíndoos de
maneira graciosa e amena para os nenos e nenas, como un método para traballar
esta festividade. Así mesmo, noutras composicións como no caso de “O
Apalpador”, pretende dar a coñecer á infancia galega a figura do apalpador
mentres aporta unha descrición do mesmo e da súa función. Estes exemplos
pertencen ao grupo das composicións que anteriormente xa avanzabamos como
formas de dar a coñecer a cultura galega. “O rap do Magosto” ou “O Entroido
move o corpo” son outros exemplos de elementos da nosa cultura que Paco
Nogueiras reivindica nas súas cancións.
Por outra parte, outras obras como “Apertas que voan”,
transmiten mensaxes educativas e cheas de valores positivos para a infancia dos
nenos e nenas galegos, contando unha historia duns amigos de distinta cor, unha
característica que non semella ser un impedimento para constituír a súa amizade.
O resto de músicas incorporadas no libro cd continúan con estas temáticas xa
mencionadas, así como con algunhas con un ton mais reivindicativo. Outras
cancións como “Brinca vai!” ou “Cos pés na terra” son cancións alegres que
animan especialmente ao movemento e ao aspecto lúdico.
Finalmente, en cancións como “Meu mundo é” ou “A palabra
ten vida” Paco Nogueiras, reivindica o uso da lingua galega como ferramenta
imprescindible na nosa vida.
Obra na que se inclúe: Brinca vai!
Ilustrador:
David Pintor
Editorial:
Kalandraka
Ano de
edición: 2014
ISBN: 9788484648772
Que bonito poder dicir,
que fermoso sae o sol esta mañá
para ti.
Que bonito poder sentir,
a ledicia a morriña.
Que delicia poder falar,
con agarimo a un amigo,
dar un bico a túa nai.
Que festeiro aturuxar
cando danzas na punteira
e un gaiteiro
está a tocar.
En galego falo, en galego
sinto,
en galego canto, sabes que non
minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego
escribo,
En galego bailo, sabes que non
minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
Que fachenda poder viaxar,
en carrilana e despois,
unha feira visitar.
Que bonito é respirar,
o recendo dunha xesta,
escoitar o mar.
Que sorte poder contar,
teño dedas, teño unllas,
teño dúas mans.
Que bonito poder xogar,
ver voar un papaventos,
abanéome nun bambán.
En galego falo, en galego
sinto,
en galego canto, sabes que non
minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego
escribo,
En galego bailo, sabes que non
minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
A
canción pertencente a Paco Nogueiras, e leva o nome de “Meu o mundo é”, forma
parte do seu libro-cd-dvd Brinca Vai!, o cal está composto e
interpretado por el mesmo e con ilustracións de David Pintor.
O tema principal do disco é unha especie de protesta a
determinadas situacións nos que se impide ou dificulta o uso do galego. Polo
tanto, reivindica o seu espazo no mundo, empregando termos tan propios da nosa
lingua como “unllas”, “dedas” ou “aturuxar”. Unha proba disto é o seu retrouso,
que di así:
“En galego falo, en galego sinto,
en galego canto,
sabes que non minto.
En galego todo podo
facer,
en galego estou no
mundo...
Meu o mundo é!”
O principal obxectivo de Paco Nogueiras que pretende
acadar con esta canción tan pegadiza é que cada un e unha teña o seu espazo en
galego, pois na nosa Galiza estase esquecendo esta lingua tan fermosa para nós
e que grazas a ela enriquecemos a nosa vida. Ademais, pretende facernos
reflexionar, pois co galego podemos facer o mesmo que con outra lingua, polo
que a través da súa melodía procura achegarnos máis á nosa lingua materna, pois
tamén somos quen somos grazas a ela e por desgraza moitas persoas a teñen
descoidada. Con todo isto, Paco Nogueiras fai fincapé naquelas emocións propias
da nosa lingua, como é o caso da ledicia e a morriña, que nos caracterizan e
nos fan únicos, identificándonos como galegos. Polo tanto, os sentimentos e
emocións constitúen un tema fundamental na súa composición, considerado como un
dos contidos máis importantes na nosa sociedade, ademais, non só temos que ser
conscientes de que existen e están na nosa vida cotiá, senón que tamén temos
que amosalos ante as persoas achegadas a nós, como por exemplo, a nosa nai,
amigos, pai...
Ilustración 5. Extracto sacado do videoclip da canción "Meu o mundo é" |
Paco Nogueiras opta por unha forma realmente orixinal de
cara a aproximarnos ó noso mundo chamado Galiza, nomeando unha serie de
elementos pertencentes á natureza da mesma, pois a xesta e o mar forman parte
dunha paisaxe única e propia desta magnífica comunidade, utilizando expresión
típicas galegas, como por exemplo: “Que bonito respirar o recendo dunha xesta”
e “escoitar o mar”, pois temos a sorte de ser outorgados por estas delicias.
Así mesmo, no vídeo aparecen elementos propios da nosa cultura, como é o caso
da gaita e o seu característico son, así como o baile tradicional galego, a
muiñeira.
Un aspecto realmente importante a destacar na obra de
Nogueiras é o fomento do uso da lectura e escritura en galego, pois hoxe en
día, desafortunadamente, existen poucas persoas que lean libros en galego.
Neste caso, é necesario abordar este tema cos nenos e nenas, pois son o noso
futuro próximo e os responsables de que o galego perdure no tempo e nos nosos
días. Como futuras mestras e mestres, temos a obriga de ofrecer material no que
se utilice o galego, pois é a nosa lingua oficial xunto co castelán, coa
diferenza de que o galego é a lingua minoritaria na maioría das provincias de
Galiza.
En definitiva, este músico teatral compón as cancións
segundo o interese dos nenos e nenas, coa axuda da súa filla, que é a súa fonte
principal de inspiración. Polo tanto, nesta obra o tema principal é o galego,
que ven acompañado de moitos outros temas como os sentimentos e as emocións,
sempre dende un punto de vista da nosa lingua galega. Así mesmo, fai referencia
a un amplo abanico de actividades propias da nosa cultura, o que abarca dende
bailar a muiñeira, tocar a gaita, visitar feiras, escoitar o mar, ver voar un
papaventos, respirar o recendo dunha xesta... ata xogar nos bambáns. Desta
maneira e utilizando una melodía pegadiza, tanto os nenos e nenas coma os adultos,
achegaranse á súa cultura, esquecida por moitos. Ademais, a utilización dunha
canción ou un poema levado á melodía resulta realmente novidoso á hora de
defender o galego.
Paco Nogueiras, fiel defensor da nosa terra Galicia,
reivindica en cada unha das súas obras a importancia da mesma e a riqueza que
posúe. É neste lugar, onde a música, a danza ou mesmo o teatro, son piares
fundamentais que guiaron e seguen guiando a súa traxectoria de vida. Como el
mesmo indica na composición “Meu o mundo é”, en galego é posible falar, sentir,
cantar, ler, escribir, bailar...en galego non hai límites.
Este autor compostelán, é quen de establecer unha
correspondencia directa entre dúas das artes que forman parte das nosas vidas:
a poesía e a música; unha combinación canto menos chea de sentimentos e
emocións. Por outra banda, é necesario sinalar os seus dotes e calidades para o
mundo do teatro, pois esta é outra das artes que se inclúe en “Meu o mundo é”.
Como xa indicou en liñas anteriores, Paco Nogueiras é un
recente autor galego que a pesares de contar con múltiples fontes e artes que
lle serven como inspiración para as súas producións, aínda non tivo a
oportunidade de causar impacto nin ser tomado como referencia por outros
autores nin artistas, a pesares de que o seu éxito neste momento non fai máis
que medrar.
Asemade, entre Paco Nogueiras e a música tamén existe un
forte vínculo, tanto coas recompilacións tradicionais coma coas actuais, pero
sempre pensando nuns claros destinatarios: os nenos e nenas. A súa colaboración
como contacontos, como mestre de teatro ou como creador de espectáculos
teatrais, musicais e mesmo de danza, supuxo a base que o impulsou a publicar
“Brinca vai”, unha obra na que a mestura entre poesía, música e danza reluce
por si soa.
Outra das importantes influencias que non debemos pasar
por alto, radica na consideración do currículo infantil que o autor compostelán
toma como inspiración para o seu proxecto, pois a natureza, os xogos
tradicionais ou celebracións coma o Entroido ou o Samaín, son elementos que
inundan de alegría e enerxía a súa obra, que forman parte da realidade
infantil, e que incentivan o enorme valor cultural de Galicia, e a importancia
de conservalo e valoralo como tal, obxectivo que Paco Nogueiras ten moi presente.
Trátase por tanto, de conservar a riqueza cultural e patrimonial coa que
contamos desde unha perspectiva lúdica, que se corresponde inevitablemente coa
personalidade do compostelán, unha personalidade chea de luz, cor, de
dinamismo, de expresividade, de espontaneidade e de amor por Galiza, amor que
tamén compartía unha das influencias máis fortes para este compositor: Rosalía
de Castro.
Por conseguinte, a influencia máis directa que este
artista xera e produce, recae sobre o mundo infantil, aquel que o toma como
referente de dinamismo, de unha mente que crea e destrúe, que combina, que é
capaz de expresar o que sinte extrapolando esa mesma intensidade, e sobre todo,
influencia a capacidade dos nenos e nenas para buscar aquilo que
verdadeiramente suscita o seu interese e curiosidade, e loitar porque o resto
do mundo o coñeza e valore, que o teñan en conta. Non obstante, “Meu o mundo é”
tamén é tomado como referente de cara á importancia de que os nenos e nenas
identifiquen e recoñezan Galicia coma un lugar marabilloso, fantástico, cheo de
recursos, de beleza, e que lle vai a proporcionar múltiples, diversas e
polivalentes formas de expresión e actuación.
Como mestres e mestras, e tomando como referencia esta
obra do autor, pode ser interesante ofrecerlles aos cativos e cativas un ritmo
calquera, base sobre a que poden expresar unha frase para xerar colectivamente
unha canción propia, establecendo así unha proximidade no traballo mental, pois
é importante chegar aos nenos e nenas mediante aquilo que queremos transmitir e
que ronda a nosa cabeza, pois en galego, calquera idea, pensamento ou cousa é
viable, interesante e enriquecedora.
En definitiva, a influencia máis importante que causa
esta obra de Paco Nogueiras radica no achegamento da poboación á cultura galega
dende moitos e polivalentes ámbitos, que permitan entendela, querela, valorala,
e expresarse libremente, perspectiva e defensa que tamén facían Miguel González
Garcés na súa obra “Poema ó meu mar”, ou “Galicia” de Xoán Corral; tanto eles
coma o autor no que nos estamos a centrar, comparten o contido que transmite un
dos versos de “Meu o mundo é”, pois:
“[...] En galego todo podo facer,
En galego estou no mundo...
Meu o mundo é! [...]”
Síntese final:
En
definitiva, tras a análise da obra de Paco Nogueiras e da súa iniciativa como
músico teatral, e non realmente como un poeta en si, consideramos que a través
da súa figura é demostrable que mediante as palabras se pode facer música, e,
polo tanto, transmitir a verdadeira beleza que posúen os poemas. Polo tanto, o
compostelán conseguiu transmitinos que, como futuros mestres e mestras de
Educación Infantil, o verdadeiramente importante radica en ser capaces de
achegarnos aos nenos e nenas mediante o que realmente queremos transmitir, polo
tanto, se actuamos como verdadeiros referentes e se tomamos consciencia de que
mediante a lingua galega se poden realizar verdadeiras creacións ricas e belas,
evitaremos todo tipo de prexuízos e barreiras en torno á inutilidade e ao
desprestixio do galego. En conseguinte, como futuros e futuras docentes,
debemos ter presente a idea de que en galego se pode crear, podendo achegar a
nosa propia cultura dende moitos e variados ámbitos.
A música é un recurso moi potente como apoio para
dinamización lingüística e a normalización.
Referencias bibliográficas
Apuntamentos recollidos nas VII
Xornadas de Materias e Recursos Didácticos levados a cabo na Facultade de
Ciencias de Educación os días 24 e 25 de outubro do 2014.
Durán, T. (2002). Leer antes de leer. Madrid: Anaya
Nogueiras, P. (2014). Brinca vai. Pontevedra: Kalandraka
Páxinas
web consultadas
Blog no cal podemos obter información da obra de Paco
Nogueiras http://musicaengalego.blogspot.com.es/2013/04/paco-nogueiras-brinca-vai.html
Páxina na cal se
pode obter información identificativos de obras literarias http://www.casadellibro.com/libro-brinca--vai-inclue-cddvd/9788484648772/2313393
Páxina na que
aparece información sobre o disco de Paco Nogueiras http://celsoemilioferreiro.org/2014/05/en-galego-falo-en-galego-sinto-en-galego-canto-sabes-que-non-minto-en-gallego-hablo-en-gallego-siento-en-gallego-canto-sabes-que-no-miento/
Páxina oficial da editorial que
publicou o libro-cd-dvd de Paco Nogueiras www.kalandraka.com
Entrada elaborada por:
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz
Entrada elaborada por:
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz
No hay comentarios:
Publicar un comentario