jueves, 12 de marzo de 2015

A maxia de Eric Carle

“Los niños son naturalmente creativos y tienen ansiedad de aprender”
            Deste xeito, Eric Carle,  tal e como afirma a Editorial Kalandraka, valora a infancia na súa totalidade, e probablemente sexa esta concepción a que lle animou dende moi cedo a crear diversas obras e álbums ilustrados dirixidos a ese marabilloso mundo. Tamén a súa sensibilidade de cara á arte foi o que espertou nel o goce por este xénero literario tan próximo aos cativos e cativas.
            Pero … como? Que non sabes a que figura nos estamos a referir? Pois non perdas de vista este blog e, por suposto, continúa a ler, sorprenderache!

Ilustración 1. Algunhas ilustracións feitas por Eric Carle. Extraído de http://www.eric-carle.com/home.html


 Quen é Eric Carle?
            Comezaremos polo principio, cando Eric Carle saúda ao mundo aló polo ano 1929 nos Estados Unidos, en Siracusa, a pesares de ubicarse durante a súa infancia na Alemaña do século XX, sufrindo de cheo as consecuencias da dura Segunda Guerra Mundial que parecía non ter fin.
Ilustración 2. Eric Carle traballando no seu obradoiro persoal. Extraído dhttp://revistababar.com/wp/wp-content/uploads/eric_carle.jpg

            Sen dúbida, un feito decisivo para o desenvolvemento do seu futuro tanto persoal coma profesional. Natureza e arte foron e son os piares fundamentais na súa vida e o fío condutor da súa obra, herdando dito gusto por parte da súa familia; o seu pai foi, sen dúbida, influínte na admiración polo eido natural e a súa conseguinte riqueza. A figura materna, pola súa parte, conseguiu transmitirlle a importancia de cultivarse artisticamente, valorando este eido como un medio vehicular para o crecemento e enriquecemento persoal.
            Por conseguinte, Carle, contando con esta gran base educativa no escenario familiar, comezou a establecer vínculos directos e profesionais co mundo artístico graduándose na prestixiosa Akademie der Bildenden Künste no ano 1950. Dous anos despois, e co coñecemento adquirido no contexto alemá, cumpre o desexo de voltar ao seu lugar de orixe: a súa terra natal, Nova York. É aquí cando comeza a traballar como deseñador gráfico no famoso xornal The New York Times, o cal lle permitiu adquirir a experiencia e competencia suficiente como para enfrontarse ao reto de asumir o rol de director de arte nunha axencia de publicidade.
            Foi nos anos 60, nos cales o mesmo Carle afirma acadar a súa plenitude profesional como ilustrador de libros infantís, descubrindo un mundo cheo de emocións, sentimentos e sobre todo, creatividade. Tal e como indica Carle nunha das entrevistas concedidas á Revista Abalar, "Eu creo firmemente que cada neno é un individuo; cada neno é diferente”, e é por isto polo que o autor se deixa envolver nas inmensidades da infancia, considerando a mesma como o momento da vida no que a creatividade e a imaxinación están a flor de pel, xurdindo a necesidade de que a figura adulta valore estas capacidades e lles proporcione os recursos precisos para fomentalas con plenitude.


Ilustración 3. Obra coa que Eric Carle emerxeu no mundo das obras infantís http://cossioinfantilrecursos.blogspot.com.es/2011/05/eric-carle.html

            É polo tanto a partir deste intre, cando Carle comeza a introducirse no mundo literario cuns claros destinatarios: os nenos e as nenas. Conxugando así en ditas obras infantís literatura, arte e natureza, é quen de establecer unha correspondencia coas inquedanzas e intereses dos pequenos e pequenas. Recoñecidas figuras neoimpresionistas como Matisse, Picasso ou Klee, así como o movemento da escola Balhaus e do seu mestre de arte Herr Krauss, foron as grandes influencias que marcaron a súa traxectoria profesional.
            De novo, a esencia da súa figura paterna, atópase presente en moitas das súas obras, pois tal e como indica Casal (2014) nun dos artigos da Fundación Cuatrogatos, Carle define ao seu pai coma “ un home que me levaba a longas andainas polo campo, e os bosques, e me explicaba as marabillas da natureza,  falábame das abellas, as formigas, as ras e as aves, e dos pequenos insectos que estaban baixo a cortiza das árbores mortas".
            Ante a represión sufrida na Alemaña nazi, época que tinguiu a súa vida de cor gris, Carle optou por encher de múltiples e diferenciadas cores as páxinas das súas obras, caracterizándose así a súa arte por ser moderna, expresionista e tamén abstracta. Respecto ao ámbito da escrita e da ilustración, sen dúbida, dúas das figuras referenciais para Carle son Leo Lionni e Ezra Jack Keats.

Ilustración 4. Carle durante o proceso de creación das súas ilustracións. Extraído de http://www.eric-carle.com/slideshow_collage.html

            Carle, de novo, na entrevista que concede á Revista Abalar por medio de Morlesin (2012), expón que “Sempre, dende a miña infancia, gocei da sensación do lapis tocando a superficie do papel, un pincel goteando pintura brillante e alegre, patróns e texturas, formas e cores”. Por conseguinte, Carle elabora as súas ilustracións mediante a técnica de colaxe impresionista, combinando o papel pintado a man con pintura acrílica, papeis translúcidos que posteriormente son cortados e rasgados, e tamén misturados para poder xerar as ilustracións finais; existe nas mesmas, unha variedade cromática moi característica deste autor.

Obra
Título: O artista que pintou un cabalo azul
Traductor: Chema Heras
Ilustrador: Eric Carle
ISBN: 978-84-8464-781-2
Editorial: Pontevedra. Kalandraka
Ano de edición : 2012


Ilustración 5Portada da obra na que nos centraremos.

Análise do contido
Esta obra xorde como unha homenaxe ao artista expresionista Franz Marc, sendo a súa creación, O cabalo azul, unha fonte de inspiración para Carle. O álbum está enfocado ao alumnado prelector, posto que conta cun texto simple e grandes ilustracións con gran variedade de cores, así como de animais pintados dunha forma pouco convencional. Todo isto é algo que axuda a reforzar a imaxinación e a liberdade creativa, e que evidencia todo o exposto anteriormente. Ademais, esta obra ten un trasfondo autobiográfico, posto que Carle retrátase como un artista orgulloso de posuír un estilo propio que o caracteriza e o define.
O argumento principal da obra, como xa se indicou, é a historia dun neno, un artista, que pinta animais de gran variedade de cores: “unha vaca amarela”, “un cabalo azul”, “un león verde”, rompendo así cos estereotipos prefixados na sociedade, algo ao que Carle aspira en todas as súas obras e que sempre prima como idea secundaria dos seus textos e ilustracións. Así mesmo, non ten unha estrutura por capítulos, senón que relata como o neno pinta as súas obras ao longo das páxinas.
Este libro de Carle, ao igual que outros, tivo un gran alcance no mundo infantil e dos primeiros lectores e lectoras, fomentando a imaxinación e a creatividade dende as primeiras idades. O autor é consciente de que aínda hoxe en día o tema dos estereotipos segue a estar moi presente, e que resulta moi complexo romper con eles para que predominen as creacións pouco convencionais, pero grazas ao seu traballo resulta un pouquiño máis doado facerlles fronte.
Ilustración 6. Fotografía do museo de Eric Carle. Extraído de http://www.carlemuseum.org/

Algunhas das influencias de Carle noutras das artes son, por exemplo, a creación dun museo que leva o seu nome, no cal se recollen algúns dos seus cadros, obras e creacións. A continuación enlazamos un vídeo presentación do mesmo.
Ilustración 7. Imaxe da campaña "Todos a ler". Extraído de http://portal.educ.ar/

Así mesmo, as obras deste autor axudan a fomentar a lectura, podendo atopar exemplos como a campaña “Todos a ler”, en Arxentina, fomentada por a Fundación Pearson e a Fundación Jumpstart. Como se afirma na propia páxina web: “A través de esta campaña se propone a padres, maestros y bibliotecarios leer el mismo libro, el mismo día, en diversas ciudades alrededor del mundo.”
 Algunhas das súas obras son...
As obras de Eric Carle caracterízanse, de maneira xeral, por unha presenza abundante e significativa do mundo animal, posto que a maioría dos protagonistas dos seus álbums ilustrados son animais, tales como eirugas, grilos, camaleóns, etcétera; exceptuando a súa creación titulada Papá, por favor, achégame a lúa, na que toma o protagonismo unha nena e máis a lúa que trata de alcanzar. O colorido é outra variable a ter en conta nas creacións de Eric Carle, enchendo de cor calquera das súas obras como forma de atraer a atención dos máis pequenos/as.
Ilustración 8. Portada de Papá, por favor, achégame a lúa. Extraído de http://image.casadellibro.com/a/l/t1/68/9788484646068.jpg

Asemade, este autor pretende romper cos estereotipos que existen na sociedade, creando unha serie de debuxos que rompen con este tipo de prexuízos e ideais que a maioría das persoas foron adquirindo ao longo da súa vida. Un exemplo do que estamos a falar é a obra titulada O artista que pintou un cabalo azul, obra na que nos centraremos ao longo do noso traballo de investigación xa que se trata dunha das máis representativas do noso ilustrador favorito. Nela, pódense observar unha gran variedade de tipoloxías da fauna, pero reflectidas dun xeito moi especial, posto que non posúen as cores típicas asociadas ás mesmas. En contraposición, apreciamos contos nos que as cores seguen unha liña máis realista, quizais para que os nenos e nenas poidan ver reflectido o contacto directo que puideran ter cos animais, en definitiva, retomar dalgún xeito as súas experiencias coa fauna grazas a estes álbums ilustrados. Outra das súas obras caracterizada pola ausencia de estereotipos é a titulada Oso pardo, oso pardo, ¿que ves aí?, pois atopámonos de novo ante un cabalo azul, entre outros animais con distinta cor.
Ilustración 9. Portada de O artista que pintou un cabalo azul. Extraído de http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/covers/cavalo-azul-G_01.jpg

Tanto en O artista que pintou un cabalo azul, Oso pardo, oso pardo, ¿qué ves ahí?, De la cabeza a los pies, La araña hacendosa como en A xoaniña rosmona, o protagonista atópase con infinidade de animais ao longo do seu camiño, propoñéndolles en ambos casos que realicen accións que non se conceden ata ao final, mantendo a intriga ata o último momento. A razón é que os nenos e nenas coñezan e se familiaricen co mundo animal, sentíndose motivados a coñecer se ao final o/a personaxe principal consegue o seu obxectivo inicial.

Queremos facer unha mención especial ao conto denominado Don caballito de mar xa que trata un tema que segue presente na sociedade actual dun xeito totalmente distinto, e é que o protagonista do conto, un cabaliño de mar, é quen de atoparse cunha serie de especies acuáticas, todas do sexo masculino, que se encargan de coidar das súas crías. Non resulta, canto menos, cotián, que aconteza deste xeito, pois a miúdo se asocia o papel da muller con este tipo de tarefas do ámbito doméstico, unha tarefa que radica no coidado dos fillos e fillas.  
Ilustración 11. Portada de Don caballito de mar. Extraído de http://editorialkokinos.com/wp-content/uploads/don-caballito-de-mar-mini_l.jpg

Cómpre mencionar outra característica destacable das obras de Eric Carle: o feito de que o diálogo resulte repetitivo para que os cativos e cativas poidan anticiparse ao que vai ocorrer, e así ter a oportunidade de participar de xeito activo na lectura do conto, sentíndose parte imprescindible tamén de dita narración, tal e como ocorre por exemplo en A xoaniña rosmona, Unha eiruga moi larpeira, El grillo silencioso, El camaleón camaleónico ou De los pies a la cabeza.



Ilustración 12. Portada de El camaleón camaleónico. Extraído de http://editorialkokinos.com/wp-content/uploads/el-camaleon-camaleonico_l.jpg

Ilustración 13. Portada de El grillo silencioso. Extraído de http://editorialkokinos.com/wp-content/uploads/el-grillo-silencioso-grande_l.jpg

Mediante esta variedade de relatos trabállanse aspectos tan importantes para o desenvolvemento integral dos nenos e nenas como os valores, dos cales se poden salientar a importancia dunha boa alimentación no caso da Unha eiruga moi larpeira, así coma o contacto coa natureza, a xenerosidade, a amizade, a autoestima e o autoconcepto. Noutros aparecen reflexados algúns dos conceptos propios desta etapa como son os números, as cores, os días da semana, os nomes dos alimentos ou mesmo as partes do corpo, como ocorre en De los pies a la cabeza. Os sons emitidos por diferentes animais tamén forman parte desta dinámica, sendo un claro exemplo disto a obra La araña hacendosa...
Outro dos contidos que capta un protagonismo especial é o tema da reprodución, que se amosa en dous dos seus contos: Don caballito de mar e a Unha eiruga moi larpeira, de maneira que ambos reflicten a orixe e nacemento dalgúns destes animais, contrapoñendo deste xeito os distintos tipos de reprodución.

Ilustración 14. Portada de Unha eiruga moi larpeira. Extraído de http://www.galiciadigital.com/_images/notas/unha-eiruga-moi-larpeira.jpg

Por sorte, algunhas das creacións de Eric Carle foron traducidas ao galego, a través da editorial Kalandraka, polo que, como futuras mestras de Educación Infantil, podemos aproveitar esta ferramenta de traballo para fomentar o uso da nosa lingua materna.
            En definitiva, Carle, por medio das súas obras pretende satisfacer a curiosidade dos nenos e nenas por saber máis acerca do mundo que lles rodea, feito que probablemente sexa o causante do seu éxito profesional neste eido. Ademais, consideramos que este autor, encheu de luz, cor e entusiasmo as obras infantís, creando así un mundo de máxico fóra de convencionalismos e estereotipos a este respecto, que parte do fomento da capacidade creativa e imaxinativa dende a primeira infancia. Deste xeito, reivindica a liberdade de expresión dos nenos e nenas e a validez de todas as súas creacións, favorecendo así a integración de natureza e arte para espertar nos nenos/as a sensibilidade estética polas correntes artísticas, e contribuíndo asemade ao desenvolvemento pleno, integral e harmonioso das capacidades e personalidades dos infantes.

Referencias bibliográficas
Carle, E. (2003). El grillo silencioso. Madrid: Kókinos
Carle, E. (2004). El camaleón camaleónico. Madrid: Kókinos
Carle, E. (2005). A xoaniña rosmona. Pontevedra: Kalandraka
Carle, E. (2005). Don caballito de mar. Madrid: Kókinos
Carle, E. (2005). Unha eiruga moi larpeira. Pontevedra: Kalandraka
Carle, E. (2006). Papá, por favor, achégame á Lúa. Pontevedra: Kalandraka
Carle, E. (2008). De la cabeza a los pies. Madrid: Kókinos
Carle, E. (2011). Oso pardo, oso pardo, ¿qué ves ahí? Madrid: Kókinos
Carle, E. (2012). O artista que pintou un cabalo azul. Pontevedra: Kalandraka
Carle, E. (2013). La araña hacendosa. Madrid: Kókinos
Casal, R. (2014). “Eric Carle y la oruga muy hambrienta” . Fundación Cuatrogatos, 11(79).
Morlesin, R. (2012). “Entrevista a Eric Carle”. Revista Abalar.
Portal Educativo del Estado Argentino. (2009). “La campaña Todos a Leer llevó a las escuelas el cuento más famoso de Eric Carle”.

Páxinas web consultadas
Páxina oficial do artista, onde podemos consultar datos biográficos, anecdóticos, e un sen fin de producións www.eric-carle.com
Fundación que recolle artigos de moi diversas temáticas relacionadas coa lectura, entre os cales podemos atopar varios artigos dedicados á Eric Carle www.cuatrogatos.org
Portal educativo de Arxentina que recolle a nova sobre a campaña "Todos a ler" http://portal.educ.ar/ e http://portal.educ.ar/debates/protagonistas/educacion/la-campana-todos-a-leer-llevo.php
Páxina oficial da Editorial Kalandraka, onde podemos acceder a numerosas obras literarias infantís, entre elas, as de Eric Carle http://www.kalandraka.com/es/colecciones/nombre-coleccion/detalle-libro/ver/o-artista-que-pintou-un-cabalo-azul/ e http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/dossiers/caballo-azul-C_01.pdf
Páxina oficial do museo dedicado á figura de  Eric Carle http://www.carlemuseum.org/




No hay comentarios:

Publicar un comentario