Acompáñasnos unha vez
máis na aventura e a maxia de Eric Carle? Hoxe, imos aproximar unha adaptación
de O artista que pintou un cabalo azul aos nenos e nenas de Educación
Infantil, co fin de introducilos nun mundo fantástico, máxico e marabilloso.
Continúa a ler...
Tal e como se reflectiu
na entrada anterior, o mundo de Eric Carle caracterízase polo binomio combinado
de arte e natureza, onde a creatividade asume o rol protagonista das súas
obras; obras cheas de cores, texturas, maxia, fantasía... en fin, un novo mundo
que leva aos cativos e cativas máis aló dos estereotipos. “Eu creo firmemente
que cada neno é un individuo; cada neno é diferente”, tal e como afirma Carle
nunha entrevista concedida á Revista
Abalar, e é a partir desta dinámica, da que nós, como futuras docentes, iniciamos
esta aventura considerando así a necesidade de achegar aos pequenos e pequenas
ao universo creativo e imaxinativo no cal deben mergullarse.
Concretamente, o álbum
ilustrado O artista que pintou un cabalo azul é un interesante recurso
do que podemos botar man para achegar aos cativos e cativas á esencia de Eric
Carle, ao tempo que levamos á infancia a descubrir e experimentar os seus
sentimentos estéticos por medio da arte amosada en devandita obra.
Asemade, consideramos
que esta produción resulta verdadeiramente significativa para ser traballada
dende as primeiras idades, posto que existe unha correspondencia directa así
coma un vínculo importante entre o mundo infantil e o animal, paralelismo que
forma parte das grandes producións artísticas que teñen lugar na mente
infantil.
Os obxectivos que pretendemos acadar con dita
proposta didáctica son os seguintes:
-
Ofrecer
aos nenos e nenas recursos para potenciar a súa capacidade creativa e
imaxinativa.
-
Introducir
dun xeito lúdico o mundo animal por medio da literatura e da arte.
-
Promover
a relación familia-escola.
-
Traballar
de maneira conxunta e cooperativa.
-
Valorar
o vínculo afectivo como motor da nosa vida.
-
Achegar
á natureza dun xeito responsable e empregando como medio vehicular a fantasía.
A
continuación preséntanse diversas propostas que poderíamos levar a cabo nunha
aula de Educación Infantil para traballar o álbum ilustrado O artista que
pintou un cabalo azul de Eric Carle.
En
primeiro lugar, propoñeríamos aos cativos e cativas realizar un recanto do
fantástico no cal os nenos e nenas asumirían a responsabilidade de
elaboralo, confeccionalo e enchelo de materiais ao longo do trimestre. Para
comezar, introduciríase este novo espazo pedindo aos alumnos e alumnas, así
como ás súas familias, que aporten á aula fotografías das súas mascotas, ou no
caso de non telas, de animais que lles gusten. Isto permitiranos elaborar unha
zona dentro dese recanto na que poidamos amosar aos demais parte do noso “coxín afectivo”, é dicir, “a familia representa o coxín principal para o noso crecemento emocional e, a
medida que imos evolucionando, a escola, os amigos e as amigas convértense noutros contextos de contención importantes” (Palou, 2004, p. 25),
contexto ao que tamén se suman os animais, pois é indiscutible o gran vínculo
afectivo que se pode dar entre o mundo infantil e o animal, radicando a nosa
labor como mestras/es en proporcionar aos cativos e cativas recursos e
experiencias, que canto menos, lles permitan recorrer aos animais como unha
forma moi enriquecedora de aprendizaxe.
A
partir deste momento, suscitaríamos o interese do alumnado por animais “pouco
convencionais” facendo un pequeno debate con preguntas do tipo: Gustaríavos que
existisen leóns rosas? E gatos verdes? Algún de vós viu algunha vez un cabalo
azul? Non? Pois eu si, e vóuvolo ensinar…
Acto
seguido, comezaríamos a ler o conto de Carle que estamos a traballar, facendo
fincapé en fragmentos do texto como “Son un artista e pinto...un cabalo azul, e
unha vaca amarela...e un crocodilo vermello...e...”; tras isto, continuaríamos
a proposta facendo unha reflexión sobre os animais que podemos atopar neste
álbum, aproveitando este momento para introducir un animalario fantástico (feito
por nós) que vai a permitir suscitar nos nenos e nenas as ganas e a ilusión de
facer a súa propia colección persoal.
Ilustración 1. Exemplo do animalario fantástico |
Ilustración 2. Exemplo do animalario fantástico |
Ilustración 3. Exemplo do animalario fantástico |
Ilustración 4. Exemplo do animalario fantástico |
Unha
vez que os nenos e nenas se sintan motivados por este tema, poñeríamos á súa
disposición recortes variados de revistas nos que aparezan partes do corpo de
gran variedade de animais, de modo que os alumnos e alumnas poidan levar a cabo
a creación do seu propio animal imaxinario, evitando os estereotipos e dotándoo
de nome e características propias inventadas por cada autor e autora. Cando
todas as producións persoais estean finalizadas, é importante facer uso do noso
recanto do fantástico como un medio para expoñer dito traballo, comparándoo ao
mesmo tempo coas fotografías dos animais reais que previamente se aportaron á
aula.
Ilustración 5. Exemplo do animal favorito dun neno/a |
Ilustración 6. Exemplo do animal favorito dun neno/a |
Ilustración 7. Exemplo do animal favorito dun neno/a |
Ilustración 8. Exemplo do animal favorito dun neno/a |
Ilustración 9. Exemplo do animal favorito dun neno/a |
Ilustración 10. Producións fantásticas confeccionadas polos nenos e nenas |
Ilustración 11. Producións fantásticas confeccionadas polos nenos e nenas |
Continuando
nesta liña, propoñeríamos aos nenos e nenas que fixeran outro animal inventado
e fantástico utilizando a arte como medio de expresión, é dicir, empregando gran
variedade de pinturas, texturas, papeis… Paralelamente a isto, aproveitaríamos este exercicio para achegar ás familias á escola, propoñéndolles que participen nas dinámicas de aula para
realizar cos seus fillos e fillas un boneco de tea e algodón que reflicta o
animal imaxinario creado anteriormente. Cando a actividade estivese finalizada,
os pequenos e pequenas levarían os seus animais fantásticos para a casa,
facéndolles ver, deste xeito, tanto aos nenos e nenas coma ós seus pais e nais,
que a relación familia-escola é un piar fundamental na súa aprendizaxe.
O gato Miau
Ilustración 12. Debuxo artístico do gato Miau |
Ilustración 13. Marioneta do gato Miau |
O peixe Macario
Ilustración 14. Debuxo artístico do peixe Macario |
Ilustración 15. Marioneta do peixe Macario |
O Cabalo Michu
Ilustración 16. Debuxo artístico do cabalo Michu |
Ilustración 17. Marioneta do cabalo Michu |
O paxaro Colorín
Ilustración 18. Debuxo artístico do paxaro Colorín |
Ilustración 19. Marioneta do paxaro Colorín |
O pavo Kiko
Ilustración 20. Debuxo artístico do pavo Kiko |
Ilustración 21. Marioneta do pavo Kiko |
Finalmente, remataríamos a nosa proposta didáctica facendo unha reflexión sobre as cousas que máis nos gustan dos
nosos animais imaxinarios, empregando, como momento para levar a cabo este
debate, a sesión de asemblea diaria. Deste xeito, cada neno e cada nena,
escollerá a parte do seu animal que máis lle guste para posteriormente elaborar
un único animal fantástico conxunto e colectivo; estas partes serán unidas co
fin de realizar unha marioneta que asuma o rol de mascota da aula, á que lle
poñeremos un nome de xeito conxunto, empregando como técnica a votación tras uns
nomes previamente aportados polos cativos e cativas. Finalmente, serán de novo
os protagonistas da aula, quen lle outorgarán unhas características únicas, inventadas,
persoais e orixinais.
En síntese, queremos destacar a aplicabilidade que
poderían ter esta serie de actividades propostas polo noso grupo de traballo en
calquera aula de Educación Infantil, o que quere dicir que é un proxecto
accesible para os mestres e mestras desta etapa educativa.
Quixemos achegarnos aos animais posto que son un
recurso que atrae e motiva moitos aos nenos e nenas, pois como xa se indicou ao
longo destas liñas, existe un forte vínculo entre o mundo infantil e o mundo
animal; non obstante, o noso obxectivo foi propoñer unha serie de actividades
que romperan cos habituais estereotipos aos que de xeito habitual os nenos e nenas se ven expostos, potenciando
paralelamente, a capacidade imaxinativa e creativa coa que conta a infancia.
Asemade, consideramos que este recanto do fantástico
co seu correspondente animalario e por suposto coa participación das familias, supón un enriquecedor recurso para
estreitar a relación entre esta e a escola, pois ámbolos dous son os escenarios
educativos por excelencia da infancia, influíndo inevitablemente sobre a
socialización e a aprendizaxe do máis valioso que temos: os nenos e as nenas.
Ademais, cómpre sinalar que non tivemos dificultades
notables á hora de deseñar e levar a cabo a nosa proposta educativa, pois Eric
Carle é o primeiro que dota de protagonismo, luz e vida aos animais que
compoñen a trama das súas obras, rompendo cos convencionalismos e mergullando
aos nenos e nenas nun mundo natural e artístico que tamén formou parte da súa
infancia; deste xeito, ofréceselles aos cativos e cativas a posibilidade de
expresarse libremente dende as primeiras idades facendo uso das diversas e
polivalentes artes que forman parte do mundo en que vivimos.
Agardamos que vos gustara esta nova aventura
blogueira; non escatimes en compartir con nós a túa opinión!
Referencias bibliográficas
Referencias bibliográficas
Carle, E. (2012). O artista que pintou un cabalo azul. Pontevedra: Kalandraka
Morlesin, R. (2012). “Entrevista a Eric Carle”. Revista Abalar.
Palou, S. (2004). Sentir y crecer. El crecimiento emocional en la infancia.
Barcelona: Graó.
Realizado por...
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz
Realizado por...
Pamela Campos Andión
Tamara Castillo López
Beatriz Castiñeira Barreiro
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz
No hay comentarios:
Publicar un comentario