miércoles, 11 de marzo de 2015

Reseñas de cotidianeidade

Autora: Liesbet Slegers


Liesbet Sleger 3_red
Ilustración 1: Imaxe da autora publicada en culturamas,
na entrevista concedida a Carmen Fdez Etreros
Biografía da autora: “El secreto para ilustrar libros para niños/as es hablar su mismo lenguaje visual; estas son palabras textuais da escritora e ilustradora do mundo infantil, Liesbet Slegers, nada en Geel, Bélxica, o 26 de xullo de 1975, muller fortemente comprometida coas aprendizaxes que se suceden nas vidas das máis pequenas/os. Liesbet é unha autora flamenca e isto marca as dinámicas que seguen as súas obras literarias, no que se refire á linguaxe e formas de expresión. Ademais de contos destinados ó publico infantil tamén colabora en periódicos e revistas dirixidos ós primeiros anos de vida.

Intento poner en el dibujo la esencia de lo que quiero contar, de la situación. Nunca voy a poner tres cosas diferentes en un dibujo para mantener lo simple. También la temática que es muy reconocible, porque muchas veces tratan de algún temor que tienen los niños como la primera vez que van a la escuela, al peluquero, viajar en avión, ir al médico…, cosas que pueden dar miedo a los niños y son temáticas que pueden ser utilizadas por los padres. No solo miedos sino cuando tienen que aprender cosas nuevas.”- di a autora en Culturamas

No canto á súa formación diremos que no ano 1997 Slegers graduouse na antiga universidade de San Lucas en Amberes. Ao ano seguinte colaborou  con Jeanne Baker. Liesbet deseñou as ilustracións para os coñecidos textos desta segunda. A partires de 1999 elaborou catro libros onde os nenos podían achegarse á figura de Carlomagno.

É mester dicir que os estilos que caracterizan as obras desta autora son a simplicidade, a temperanza e o recoñecemento da importancia que ten a infancia na formación das persoas. Con afán de comprobar a repercusión das súas creacións nos nenos e nenas acode ás escolas para presentarlles cada unha das súas historias e que eles e elas se poidan identificar co personaxe do conto á vez que expresar as súas propias experiencias. E foi nunha das escolas de 0 a 3, durante a estadía de prácticas, onde verificamos a aceptación que teñen as súas obras entre o público infantil.

Na entrevista realizada polo cómic de rtve.es a Jesús Jiménez, Liesbet asegura que o segredo para chegar aos nenos e nenas tan pequenos/as céntrase en falar a mesma linguaxe visual, moverse no seu mundo e empregar imaxes moi simples cheas de contrastes (Jimenez, J. 2003 en rtve.es). Cando as ilustracións transmiten ledicia os nenos/as séntense máis atraídos por elas. Ademais disto, corrobora que educación e diversión poden estar interconectadas e así o demostra nas súas obras. Isto pode gardar certa relación coa cor vermella que predomina nos debuxos.

            Bibliografía da autora: esta autora publicou unha gran variedade de obras, as cales foron traducidas a máis de dez idiomas diferentes, tales como francés, inglés, castelán, catalán... e, por suposto, galego, que serán as coleccións coas que nos traballaremos. A continuación, destacamos os títulos que se atopan en galego relacionados con esta temática (Uxía e a barriguiña de mamá):
·         Uxía vai facer a compra
·         Uxía queda na casa con Iria
·         Uxía ten un irmanciño
            Contexto social da escrita: arredor do ano 2000, comeza a sentir a necesidade de escribir para dar a coñecer coas súas obras as situacións que adoitan afectar ao neno/a e por tanto, influír no seu desenvolvemento. Desde sempre, mestres/as, sociólogos/as, pedagogos/as, psicólogos/as, educadores/as... posúen información sobre as características que se dan en cada etapa evolutiva, máis ben é sabido que a maioría dos pais e nais senten incomprensión ante certas condutas dos seus fillos e fillas. É, aquí, onde Liesbet a través das súas magníficas e cotiás historias facilita indirectamente que o público adulto e infantil se sinta comprendido e reflexado nas situacións que ela relata.
Obra:
Uxía e a barriguiña de mamá 

Ilustración 2: Imaxe tomada de http://ir.gl/6de636
           
Datos fundamentais da obra

- Título: Uxía e a barriguiña de mamá 

- Autora e ilustradora: Liesbet Slegers 

- Tradutora: Mercedes Pérez Gómez 

- ISBN: 978-84-263-5492-1 

- Editorial: Tambre (grupo Luís Vives) 

- Ano de edición: 1 de outubro de 2004.




            Análise do contido da obra: o tema principal desta obra é a aceptación da chegada dun novo membro á familia, concretamente un irmán da protagonista, Uxía. Entorno a este xiran outras temáticas relacionadas, como son: a expresión emocional (leda), a evolución dun embarazo (cambios no corpo da nai), o papel do pai (agora papá xoga comigo), a presenza dos avós/avoas na vida nenos/as (coidado da avoa), o apego á nai (quero quedar con mamá), o desalento ao non poder estar con ela, o valioso do que fan os nenos/as por si mesmos (debuxo para a nai) e mostras de agarimo cara o bebé, así coma a importancia de ter un nome como cidadán (Lois).

A simplicidade desta obra resúmese na vivencia en primeira persoa da protagonista, Uxía, ante o proceso de embarazo da súa nai e todo o que isto carrea. Ela observa o progresivo aumento de tamaño do ventre da proxenitora e vivencia como este cambio corporal supón un troco nas súas rutinas, o que fai que a figura paterna mude tamén os seus papeis. Para a nena os nove meses fanse longos e a inminente chegada do neno supón a súa adaptación á casa da avoa, sen esquecer en ningún momento a súa nai, para a cal debuxa e coa que podemos intuír ten lazos moi fortes. Finalmente móstrasenos a visita ó hospital e o momento de coñecer ó novo irmán, Lois.

Esta obra ten un fío condutor que se mantén durante todas as páxinas. Este é o conxunto de relacións familiares, a través das cales un neno/a establece o seu primeiro contacto co mundo que o rodea. Estas son sempre un factor influínte no desenvolvemento do menor e por tanto, nas novas situacións a enfrontar. Por isto, temos que dicir, que aínda que esta obra non se divide en capítulos a autora si é creadora de diferentes historias infantís que seguen a mesma liña temática da que estamos a falar.  

A autora presenta a través destas páxinas os aspectos positivos de ter un irmán, xa que como sabemos, a maioría dos nenos/as adoitan ter problemas coa chegada dun novo membro á familia. Pois, este atópase pegado á nai durante todo o proceso de xestación e cando nace precisa moitos coidados por parte dos proxenitores. Ademais, a autora, outórgalle importancia á figura da avoa e fainos consciente dos medos que pode sufrir un neno/a ante a separación do seu pai e nai aínda que sexa xunto a unha persoa coñecida e próxima a el/ela.

Esta obra está destinada a todo tipo de público, e na escola adoita situarse nas aulas onde o alumnado comprende idades de 0 a 6. Pois nestes anos é onde acostuman presentarse celos ante o nacemento dun bebé, o que lle supón unha diminución notable da cantidade e calidade de atención que requiren.
Esta é unha obra válida en diferentes ámbitos sociais e temporais, xa que as condutas que reflicte adoitan ser permanentes no ser humano. As características psicoevolutivas dos nenos e nenas cando son pequenos/as adoitan ser similares en todas as sociedades, a pesares da evolución da cultura e dos tempos. Por tanto, estes sentimentos anteriormente mencionados (envexa, celos, apego, ego...) adoitan xurdir nos cativos/as.

            Repercusión e influencia doutras artes:
As seguintes obras atópanse relacionas coa temática de Uxía e a barriguiña de mamá. Dela sinalaremos en primeiro lugar o título, a continuación o autor/a, logo a editorial que o publica, seguido do ano en que foi editado e por último unha breve descrición da relación que garda coa obra de Liesbet, que en todas elas tratará o nacemento dun irmán/á.
uxia ten un irmanciño-liesbet slegers-9788426354914

Ilustración 3: Imaxe tomada 
de http://ir.gl/16338d


Título: Uxía ten un irmanciño
Autora: Liesbet Slegers
Editorial: Tambre (grupo Luís Vives)
Ano de edición: 2004
Relación: esta é a continuación da obra sometida a análise. Polo que garda unha relación moi estreita, no que se refire aos cambios que supón a chegada dun irmán ás rutinas dunha nena pequena.







Ilustración 4: Imaxe tomada 
de http://ir.gl/650c2b


Título: Mamá
Autora: Mariana Ruiz Johnson
Editorial: Kalandraka
Ano de edición: 2012
Relación: a importancia do vínculo afectivo entre nais e fillos/as. O apego que caracteriza esta relación é a necesidade da proximidade da proxenitora para o desenvolvemento do ser vivo. Ademais, podemos destacar a presenza da cor vermella.





A vaca que puxo un ovo

Ilustración 5: Imaxe tomada 
de http://ir.gl/7fd86d


Título: A vaca que puxo un ovo
Autor: Andy Cutbill. Ilustracións de Russell Ayto
Editorial: Patasdepeixe
Ano de edición: 2010
Relación: o amor incondicional dunha nai e a loita polo benestar do seu fillo/a. Tamén destacamos a simplicidade e o colorido das imaxes.







Ilustración 6: Imaxe tomada 
de http://ir.gl/3345af
   Título: Vou ter un irmán
Autora: María Solar. Ilustracións de Xosé Tomás
Editorial: Galaxia
Ano de edición: 2011
Relación: o proceso de xestación vívese dun xeito divertido e observable coma no caso de Uxía. Ademais, manifesta as inquedanzas que ao longo deste tempo xorden na protagonista que pasará de filla única a irmá maior.



            Síntese final: a raíz da análise intensiva da obra “Uxía e a barriguiña de mamá” descubrimos moitas outras que poden servir de apoio para tratar a aparición dun novo membro na familia. Dende a nosa perspectiva parécenos fundamental que libros coma este se atopen nas aulas e mesmo que se permita levalos para a casa, xa que ás veces, poden supor unha mellora na aceptación da nova situación.

No canto ó que se refire á autora, Liesbet Slegers, temos que dicir que nos sorprendeu gratamente a dinámica de traballo que segue. Pois, é ela persoalmente a que se encarga de comprobar a interacción que os nenos/as teñen cos seus libros, ademais practica unha escoita activa nestas sesión de visita ás escolas infantís. Por outra banda, atopámonos totalmente de acordo na importancia que lle outorga á cor nas súas ilustracións, así como a simplicidade das liñas que caracterizan aos seus debuxos. Todo isto en base á importancia que teñen os elementos visuais na infancia.

Logo, temos que destacar a vantaxe de que esta autora é escritora e ilustradora á vez, o que supón unha maior concordancia entre imaxe e texto, polo que se presentan á par debuxos e texto; o primeiro na dereita e o segundo na esquerda. Así mesmo, esta colección caracterízase por ter un tamaño pequeno e facilmente manexable de cantos redondeadas e páxinas lavables. Todo isto, permite que estes libros estean preto dos máis pequenos/as e os poidan manipulalos.

Finalmente, concluímos que as obras desta autora atópanse enteiramente indicadas para todo tipo de públicos, principalmente o infantil debido á súa temática.

Referencias bibliográficas e webgráficas:
-          Slegers, L. (2004). Uxía e a barriguiña de mamá. Editorial: Tambre (grupo Luís Vives)
-          Culturamas Entrevista a Liesbet



No hay comentarios:

Publicar un comentario