miércoles, 18 de marzo de 2015

Como aplicar "Un Gorila. Un libro para aprender a contar" na túa aula....pois continúa lendo....


O álbum ilustrado de Anthony Browne, Un gorila. Un libro para aprender a contar ofrécenos a posibilidade de traballalo na aula co alumnado de educación infantil, pois aborda como tema principal  a aprendizaxe da matemática pero leva consigo, de xeito maquillado, a transmisión da diversidade humana por medio de varias especies de primates.
Decidimos, polo tanto, escoller o tema da diversidade para realizar as actividades, pois é un tema moi presente e ao que todos estamos vencellados Por iso é moi importante que nós, como futuras mestras, o teñamos en conta nas nosas aulas e o traballemos dende o primeiro momento para fomentar a interculturalidade de xeito positivo.
Aclarado isto, queredes saber as actividades que deseñamos?
Segue lendo e sorpréndete mergullándote nesta aventura na que “TODOS SOMOS IGUAIS”.
Debemos destacar antes de nada que os obxectivos que pretendemos conseguir cas  actividades son os seguintes:

-         Fomentar o hábito lector.
-         Aprender a respectar as diferenzas.
-         Tomar conciencia das diferenzas como algo positivo.
-         Favorecer a relación familia-escola.

E agora....sabedes que imos facer cos nenos e nenas? Pois segue lendo!                

Primeira Actividade: LEMOS E REFLEXIONAMOS
A primeira actividade sería a lectura do álbum ilustrado e acto seguido faríanse as seguintes preguntas:
-          Que pasou no conto?
-          Que personaxes había?
-          Que foi o que máis vos gustou?
-          Semellámonos a eles?
-          Son diferentes entre si?
-          Nos somos diferentes?
As anteriores preguntas serían as principais, pero en función das respostas iriamos encamiñando a conversación ate conseguir que o alumnado chegase á reflexión da similitude entre nós e os primates, descubrindo que malia que todos somos diferentes entre si, no fondo somos iguais. No caso dos primates eles son distintos pero son animais que hai que respectar e coidar. No caso dos humanos igual: temos os mesmos dereitos e temos que respectarnos uns a outros.
E vos.. estades de acordo co anterior?

Segunda actividade:  DEBUXAMOS ENTRE TODOS

Como segunda actividade faríamos un debuxo colaborativo. Para iso primeiramente fariamos grupos de cinco nenos e nenas e repartiríamos unha folla e lapis de cores a cada un deles. Comezariamos a actividade contando unha historia na que se describe como é un neno ou nena. Cada alumno debuxaría un trazo que narrase a mestra e logo rotaríase o papel cos compañeiros para que todos debuxaran un trazo en cada folla. Un exemplo sería: Xoán ten os ollos coma dúas améndoas, pequenos e achinesados.  Deste xeito, observarán que en función da maneira que ten cada persoa de debuxar, resultan creacións moi diversas. Esa diversidade vese tamén reflectida en nós, pois, se nos observamos uns a outros dámonos de conta que cada un posúe características distintas. A pesares diso, todos temos que respectarnos porque esas diferenzas son as que nos fan únicos.


De seguido pódense observar diversos resultados deste debuxo colaborativo:






Imaxes de elaboración propia 


E o voso debuxo.... como quedaría? Probade entre un grupo de persoas, xa veredes que divertido!

Terceira Actividade: UNHA GRAN FAMILIA
Outra actividade podería ser reelaborar o conto pero esta vez pedindo colaboración aos pais, algo que é moi importante sobre todo na educación infantil, xa que eles tamén teñen que formar parte do proceso ensino-aprendizaxe. Para iso mandariamos unha nota a casa na que lles pediriamos que, os seus fillos ca súa axuda, debuxasen a súa familia.
Neste caso os pais axudaríanlle ao alumnado a debuxar a súa familia e a escribir unha pequena historia de cada un. Nos non tivemos a oportunidade de probalo, pero... semella que pode quedar moi divertido o resultado, non si?
Unha vez que o debuxaran, debateríase nunha asemblea sobre os resultados, observando que tamén hai diversidades nas familias e que a pesares de haber máis número de persoas nunha casa ca noutras, ou que non haxa papás ou mamás, ou que haxa avós... todos somos iso, unha GRAN FAMILIA!
Como última actividade pensamos en facer un mural onde, con fotos de cada un dos nenos e nenas recortadas por partes, construíran cada un deles unha persoa nova collendo características de todos. Deste xeito observarían o valor que teñen as diferenzas.
Que vos pareceu? Esperemos que vos resultara divertida esta aventura e sobre todo que vos ofrecera ideas para aplicar na aula.

E agora tócanos reflexionar a nós. Cremos que estas actividades que desexamos son totalmente aplicables á etapa de Educación Infantil. Pensamos que mediante ela os nenos e nenas traballarán sobre un tema moi importante como é a diversidade cultural, pero dun xeito motivador porque todo será traballado de xeito lúdico, que nestas idades é a mellor forma de aprender.
Outro punto a destacar das nosas actividades é que temos en conta ás familias facéndoas tamén a elas protagonistas e participes do que os nenos e nenas fan na aula. Algo que é bo tanto para o alumnado como para eles mesmos, xa que tamén se senten valorados e responsables da aprendizaxe dos seus fillos e fillas, facéndolles ver que ca a súa axuda é moi necesaria.
Así pois, chegados a este punto podemos dicir que estamos contentas ca nosa proposta, pois tentamos facela pensando en todo momento na súa aplicabilidade nunha aula e pensando na motivación do alumnado, creando actividades onde deixen voar a súa imaxinación. Pois esa é a mellor maneira de deseñar, pensando no alumnado, que son os nosos principais motores.

Moitas grazas por lernos.

E lembrade,  podedes seguirnos tamén no twitter: @CuentaPrimates !





No hay comentarios:

Publicar un comentario