Xa estamos chegando
ao remate das nosas entradas. Que vos pareceron as anteriores? Aprendestes
moito?
Na entrada anterior
comentamos un pouco sobre a traxectoria vital e profesional de Rosalía de
Castro. Hoxe continuamos con ela dende un punto de vista máis didáctico, no que
veremos algunhas técnicas para traballar na aula o seu coñecido poema Adiós,
ríos; adiós, fontes… Se vos interesa, continuade lendo!!
Mostrámosvos unhas actividades para traballar o poema de Rosalía. Estas irían
dirixidas ao alumnado de 5 anos, aínda que sempre poden ser adaptadas a outras
idades. Cabe destacar que, para o seu desenvolvemento, tomamos como referencia
as catro primeiras estrofas do poema. Agardamos que vos gusten!
“Pictogrameando”
Para a realización
desta primeira actividade, empregamos pictogramas para representar algunhas das
palabras que aparecen ao longo dos versos. Coidamos que isto é moi interesante
para traballar co alumnado que se está iniciando na lectura, xa que estamos
acostumados a traballar contos infantís sen afondar noutros tipos de texto,
como poden ser os poemas. Ademais, esta iniciativa pódenos servir como
guía para traballar con aqueles nenos que teñen algunha dificultade lectora, sendo un recurso máis visual que adoita facilitar a compresión e lectura.
Agardamos que vos sexa de utilidade.
Versionando estrofas
Nesta actividade, os
nenos deberán recitar algunhas estrofas do poema xogando coa voz, é dicir,
falando coma un xigante, coma un anano, persona alegre e triste, as cales poderían
elexir os nenos e mesmo poderían facer algunha máis das que nós citamos.
Consideramos adecuado
dividir ao alumnado en diferentes grupos para realizar esta proposta. Por
exemplo, de xeito individual, por parellas, en pequenos grupos e en gran grupo.
Con isto, pretendemos que sexan capaces de coordinarse entre si e adaptarse ao
resto de compañeiros.
A continuación,
mostramos un pequeno audio feito por nós mesmas no que levamos a cabo a
actividade.
Poemario ilustrado
Para a realización
desta actividade, agruparemos ao alumando en catro ou cinco pequenos grupos,
facendo que, durante o tempo que dure a posta en práctica da proposta que a
continuación pormenorizaremos, prime un traballo cooperativo e unha
participación activa por parte de todos os integrantes.
Esta actividade
consiste en pedirlle ao alumnado que ilustre unha destas catro estrofas,
empregando diversas técnicas artísticas e sen acoutarlles os materiais a
empregar, para non coartar a súa creatividade e imaxinación.
Á hora de levar a
cabo a elección da estrofa que ilustrará cada grupo, pedirémoslles que sexan
estes os que tomen a súa propia decisión, fomentando a autonomía, a capacidade
de elección e a responsabilidade ao ter que ser conscientes da tarefa a
desenvolver por cada un deles; ademais, permitiranos traballar unha habilidade
de verdadeira importancia, como é o respecto polas opinións, gustos e intereses
dos demais.
Unha vez rematadas as
representacións, conformaremos un libro que será testemuña do continuo latexar
dos versos de Rosalía na actualidade, sendo este unha versión renovada levada a
cabo por nenos de Educación Infantil, no que se pode ver a poesía coma
un "todo", no cal teñen cabida outras artes como á plástica.
De seguido,
amosámosvos as estrofas que poden ser susceptibles de elección, así como
algunhas das ilustracións que realizamos para deixarvos unha mostra do
hipotético traballo que desempeñaría o alumnado, no caso de levar á aula esta
proposta.
Segunda estrofa |
Terceira estrofa |
Cuarta estrofa |
Pintura no patio
Consideramos moi
interesante estender a literatura máis aló do espazo delimitado da aula, polo
que aproveitar para pintar os muros do patio con motivos propios deste poema
podería ser unha proposta a realizar co alumnado.
Este tipo de
actividades axudarán a facer da aprendizaxe un proceso integral e
interdisciplinar, dándolle a posibilidade ao alumnado de ser eles quen
contribúan ao coidado da estética do centro, sentíndose en todo momento moito
máis partícipes.
Este tipo de ideas
poden ser levadas a cabo por nenos de diferentes idades, o que lles permitirá
socializar cos iguais e con alumnado doutros cursos. O traballo podería ser
realizado tanto cos de Educación Primaria como cos de Educación Infantil, de
xeito que os primeiros serían quen pintasen as partes con máis detalles e os
últimos, os máis pequenos, encherían zonas con maior amplitude para pintar e
que estivesen na parte inferior –para un mellor acceso e evitar o perigo que
pode supoñer que suban a unha cadeira, por exemplo-.
Todas estas
actividades terían uns obxetivos basados nas aprendizaxes que o alumnado debe
adquirir e que están marcadas polo Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que
se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de
Galicia. Estes son:
- Achegar ao
alumnado a poesía, gozando coa lectura da mesma.
- Afastar
aos alumnos da idea preconcebida de que a poesía carece de interese por
recoller versos que tratan temas obsoletos.
- Animar aos
nenos a valorar as súas propias producións, así como as do resto dos seus
compañeiros, recoñecéndoas todas como válidas, sen menosprezar
a ningunha delas.
- Mellorar
nos cativos a súa capacidade de expresar unha idea ou unha imaxe mental
por medio de diversos mecanismos de expresión como o verbal, o escrito ou o
artístico.
- Afastar ao alumnado das imaxes guía estereotipadas que invaden o seu día a día, fomentando neles a creatividade e a imaxinación.
Finalmente, con
esta entrada pretendemos amosarvos como traballariamos na aula este poema de
Rosalía de Castro, por medio de propostas atractivas e motivadoras, achegándolles este xénero literario tan pouco abordado nas aulas de
Educación Infantil na actualidade. Por isto, consideramos que é unha
boa técnica a empregar para facer que vivan a poesía como algo próximo a eles,
permitíndolles recitar o poema, transmitir sentimentos, facer movementos,
realizar cambios á hora de redactar a poesía e crear algo propio.
Elaborado por:
Natalia Sangil Regueiro
María Veiga Facal
Eva Mª Veiga Real
Mª Adelaida Veiga Teixeira
María Veiga Facal
Eva Mª Veiga Real
Mª Adelaida Veiga Teixeira
No hay comentarios:
Publicar un comentario