Mostrando entradas con la etiqueta AdiósRíosAdiósFontes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta AdiósRíosAdiósFontes. Mostrar todas las entradas

miércoles, 8 de abril de 2015

Facendo propio o poema "Adiós, ríos; adiós, fontes..."

Xa estamos chegando ao remate das nosas entradas. Que vos pareceron as anteriores? Aprendestes moito?

Na entrada anterior comentamos un pouco sobre a traxectoria vital e profesional de Rosalía de Castro. Hoxe continuamos con ela dende un punto de vista máis didáctico, no que veremos algunhas técnicas para traballar na aula o seu coñecido poema Adiós, ríos; adiós, fontes… Se vos interesa, continuade lendo!!

Mostrámosvos unhas actividades para traballar o poema de Rosalía. Estas irían dirixidas ao alumnado de 5 anos, aínda que sempre poden ser adaptadas a outras idades. Cabe destacar que, para o seu desenvolvemento, tomamos como referencia as catro primeiras estrofas do poema. Agardamos que vos gusten!

“Pictogrameando”
Para a realización desta primeira actividade, empregamos pictogramas para representar algunhas das palabras que aparecen ao longo dos versos. Coidamos que isto é moi interesante para traballar co alumnado que se está iniciando na lectura, xa que estamos acostumados a traballar contos infantís sen afondar noutros tipos de texto, como poden ser os poemas. Ademais, esta iniciativa pódenos servir como guía para traballar con aqueles nenos que teñen algunha dificultade lectora, sendo un recurso máis visual que adoita facilitar a compresión e lectura. Agardamos que vos sexa de utilidade.




Versionando estrofas
Nesta actividade, os nenos deberán recitar algunhas estrofas do poema xogando coa voz, é dicir, falando coma un xigante, coma un anano, persona alegre e triste, as cales poderían elexir os nenos e mesmo poderían facer algunha máis das que nós citamos.
Consideramos adecuado dividir ao alumnado en diferentes grupos para realizar esta proposta. Por exemplo, de xeito individual, por parellas, en pequenos grupos e en gran grupo. Con isto, pretendemos que sexan capaces de coordinarse entre si e adaptarse ao resto de compañeiros.
A continuación, mostramos un pequeno audio feito por nós mesmas no que levamos a cabo a actividade.



Poemario ilustrado
Para a realización desta actividade, agruparemos ao alumando en catro ou cinco pequenos grupos, facendo que, durante o tempo que dure a posta en práctica da proposta que a continuación pormenorizaremos, prime un traballo cooperativo e unha participación activa por parte de todos os integrantes.

Esta actividade consiste en pedirlle ao alumnado que ilustre unha destas catro estrofas, empregando diversas técnicas artísticas e sen acoutarlles os materiais a empregar, para non coartar a súa creatividade e imaxinación.

Á hora de levar a cabo a elección da estrofa que ilustrará cada grupo, pedirémoslles que sexan estes os que tomen a súa propia decisión, fomentando a autonomía, a capacidade de elección e a responsabilidade ao ter que ser conscientes da tarefa a desenvolver por cada un deles; ademais, permitiranos traballar unha habilidade de verdadeira importancia, como é o respecto polas opinións, gustos e intereses dos demais.

Unha vez rematadas as representacións, conformaremos un libro que será testemuña do continuo latexar dos versos de Rosalía na actualidade, sendo este unha versión renovada levada a cabo por nenos de Educación Infantil, no que se pode ver a poesía coma un "todo", no cal teñen cabida outras artes como á plástica.

De seguido, amosámosvos as estrofas que poden ser susceptibles de elección, así como algunhas das ilustracións que realizamos para deixarvos unha mostra do hipotético traballo que desempeñaría o alumnado, no caso de levar á aula esta proposta.

 
Primeira estrofa
Segunda estrofa
Terceira estrofa

Cuarta estrofa

Pintura no patio
Consideramos moi interesante estender a literatura máis aló do espazo delimitado da aula, polo que aproveitar para pintar os muros do patio con motivos propios deste poema podería ser unha proposta a realizar co alumnado.


Este tipo de actividades axudarán a facer da aprendizaxe un proceso integral e interdisciplinar, dándolle a posibilidade ao alumnado de ser eles quen contribúan ao coidado da estética do centro, sentíndose en todo momento moito máis partícipes.

Este tipo de ideas poden ser levadas a cabo por nenos de diferentes idades, o que lles permitirá socializar cos iguais e con alumnado doutros cursos. O traballo podería ser realizado tanto cos de Educación Primaria como cos de Educación Infantil, de xeito que os primeiros serían quen pintasen as partes con máis detalles e os últimos, os máis pequenos, encherían zonas con maior amplitude para pintar e que estivesen na parte inferior –para un mellor acceso e evitar o perigo que pode supoñer que suban a unha cadeira, por exemplo-.

Todas estas actividades terían uns obxetivos basados nas aprendizaxes que o alumnado debe adquirir e que están marcadas polo Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes son:

  • Achegar ao alumnado a poesía, gozando coa lectura da mesma.
  • Afastar aos alumnos da idea preconcebida de que a poesía carece de interese por recoller versos que tratan temas obsoletos.
  • Animar aos nenos a valorar as súas propias producións, así como as do resto dos seus compañeiros, recoñecéndoas todas como válidas, sen menosprezar a ningunha delas.
  • Mellorar nos cativos a súa capacidade de expresar unha idea ou unha imaxe mental por medio de diversos mecanismos de expresión como o verbal, o escrito ou o artístico.
  • Afastar ao alumnado das imaxes guía estereotipadas que invaden o seu día a día, fomentando neles a creatividade e a imaxinación.
Finalmente, con esta entrada pretendemos amosarvos como traballariamos na aula este poema de Rosalía de Castro, por medio de propostas atractivas e motivadoras, achegándolles este xénero literario tan pouco abordado nas aulas de Educación Infantil na actualidade. Por isto, consideramos que é unha boa técnica a empregar para facer que vivan a poesía como algo próximo a eles, permitíndolles recitar o poema, transmitir sentimentos, facer movementos, realizar cambios á hora de redactar a poesía e crear algo propio.

Elaborado por:
Natalia Sangil Regueiro
María Veiga Facal
Eva Mª Veiga Real
Mª Adelaida Veiga Teixeira


miércoles, 25 de marzo de 2015

Adiós, ríos; adiós, fontes...




Para Galicia, Rosalía de Castro é algo máis ca unha escritora. Xeración tras xeración, a súa figura é un referente que está por riba de ideas e xeografías. Para os galegos e galegas ningunha outra figura literaria, cultural ou política nos une tanto arredor do sentimento de pertenza a unha terra. Ela xerou innumerables páxinas, imaxes, cancións… (Organización Rosalía de Castro, 2013)









Biografía e bibliografía do autor
Esta gran escritora naceu en Santiago de Compostela no ano 1834. Filla dunha fidalga e dun crego, viviu coa súa tía paterna na aldea de Ortoño, Ames. A partir de 1850, comeza a vivir coa súa nai na súa terra natal onde inicia os seus primeiros estudos e contacta coas actividades culturais promovidas polo Liceo de la Juventud; é alí onde coñece a Eduardo Pondal e a Aurelio Aguirre.

En 1856, trasládase a Madrid e comeza a publicar os seus primeiros libros, como por exemplo, o poemario ‘La Flor’, que é publicado no xornal La Iberia en 1857. Un ano máis tarde, casa con Manuel Murguía, co que tivo sete fillos, e nese mesmo ano publica a súa primeira novela en castelán: “La hija del mar” que é un manifesto feminista chamado “Lieders”.

Por mor do traballo do seu home residiron en varias localidades galegas e de fóra desta: Madrid, Santiago, Lestrobe, A Coruña… Residindo en Madrid, escribe o primeiro poema en galego, o que glosa o cantar Adiós, ríos; adiós, fontes... e tamén publica por entregas Flavio, ambientada na Terra de Iria.

En 1863, publica A mi madre e Cantares gallegos, obra considerada clave no Rexurdimento literario de Galicia. En 1864, publica o seu único conto en galego, coñecido baixo un título Contos da miña terra; catro anos máis tarde escribe grande parte do poemario Follas Novas, mais non é publicado ata 1880.

A segunda edición de Cantares Gallegos publícase en 1872 e este contén catro poemas máis; é a única reedición, en vida, dun libro de Rosalía. No ano 1884, un ano antes da súa morte, publica o seu último libro de poemas, que leva por nome En las orillas del Sar.

Malia que comezou como novelista en castelán con obras como por exemplo En las orillas del Sar, Rosalía destacou sobre todo como poeta galega, publicando Cantares gallegos, onde se recollen glosas de cantares populares; por outra banda, Follas novas é unha obra de temática intimista e social.





A publicación Cantares gallegos, consituíu un feito importante para a literatura galega, dando lugar cen anos máis tarde, ao chamado Día das Letras Galegas. Este libro esta formado por trinta e seis poemas nos que a voz poética está identificada, na maioría dos casos, cunha rapaza que desenvolve un cantar popular que aparece ao comezo ou ao final de cada poema.

Este libro foi publicado na Habana en 1880, aínda que xa estaba escrito facía anos. No seu prólogo aclara que vai ser unha obra diferente á anterior xa que se afasta do ton vitalista daquel para centrarse nun sentimento pesimista da vida, o que non lle impide mostrar os problemas do pobo.



 




Contexto social da escrita
A obra desta recoñecida escritora está enmarcada dentro do Rexurdimento, caracterizado pola reivindicación do galego como lingua literaria, de aí que parte da súa obra fose escrita nesta lingua. Outra das características desta corrente fai referencia á denuncia das condición de vida dos emigrantes da época. Isto podémolo ver, sobre todo, a través deste poema no que a autora comenta cal eran as características máis comúns da sociedade do momento; estas estaban marcada pola fame e como consecuencia, pola emigración. As penurias que pasaban os galegos impedían que tivesen un nivel de vida axeitado, o que producía a súa masiva emigración cara a lugares nos que non sempre eran tratados como se merecían.

Como ben comentamos anteriormente, Rosalía emprega o galego como lingua de Cantares Gallegos pero, se nos fixamos, non emprega un galego normativo, senón que ao longo dos seus versos mestura castelanismos e vulgarismos.


Análise temático do poema
Este poema pertence ao libro Cantares Gallegos e nel xera un escenario totalmente galego, dándolle importancia ao folclore popular, aos seus protagonistas e mesmo á propia autora cunha voz lírica próxima aos desacougos íntimos. Neste poemario pódense distinguir diversos temas de índole costumista, amorosos, de carga social e patriótica e intimistas... sendo a este último ao que pertence o poema que estamos a traballar, Adiós, ríos; adiós, fontes…

A dor é o tema principal que aborda Rosalía neste poema, provocada ao ter que deixar a súa terra, Galicia. Deste xeito, a emigración está moi presente, podendo dicir, incluso, que este é o motivo polo que afloran os seus sentimentos de tristura que dan sentido ao poema.

En relación con isto, fai unha listaxe de todo aquilo que botará en falta, facendo que isto se convirta nunha reivindicación da fermosura e dos valores das terras galegas, amosando a morriña que sentirá ao non volver ver estas paisaxes -últimos versos da primeira estrofa- nin escoitar as campás do pomar -últimos versos da doceava estrofa-.

"[...] adiós, vista dos meus ollos,
non sei cándo nos veremos."
"[...] as campanas do pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar."

Entre algúns dos subtemas que aborda Rosalía nestes versos atópase a labor das mulleres daquel tempo, sendo a maioría delas labregas. Isto aparece comentado nas seguintes liñas:

"[...] hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei."

Tamén aborda  temas de carácter relixioso propios daquela época:

"[...] campaniñas timbradoiras
da igrexiña do lugar."
"Adiós, Virxe da Asunción,
branca como un serafín:
lévovos no corazón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción."

Menciona incluso a pobreza como a primeira das causas da súa emigración, sendo isto común para gran parte dos galegos daquela época: "Mais son probe e, mal pecado,/a miña terra n`é miña [...]". Finalmente, quixeramos mencionar uns últimos versos que fan referencia á morte como tema de dor e pesar:
"Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,[...]"

Actualidade da temática
A temática da emigración que neste poema se aborda, continúa a estar presente na actualidade, posto que, moitas familias e incluso mozos cunha excelente formación académica, deben de afrontar o duro momento da despedida, de ter que deixar o "seu lar", a súa familia, en busca dun traballo ou dunha vida mellor. Esta problemática veu dada dende fai xa varios anos por mor da crise económica que estamos a vivir, pero anteriormente eramos nós os que acolliamos a inmigrantes que viña ás nosas terras para fuxir da precariedade social e laboral que vivían no seu país de orixe.

Debido a todo isto é polo que podemos concluír que as temáticas reflectidas no poema Adiós, ríos; adiós, fontes... de Rosalía de Castro continúa a estar vixente e por desgraza moitas persoas se seguirán identificadas con esta liña poética.

Repercusión e influencia doutras artes
Este poema foi musicado por diferentes cantantes e mesmo grupos. Gustaríanos compartir convosco algúns enlaces por se vos apetece escoitar diferentes versións.

  • Versión de Amancio Prada:


  • Versión de Lucía Pérez:

  • Versión de Pucho Boedo e Los Tamara: 



Ademais disto, Adiós, ríos; adiós, fontes... é un poema que garda moita relación con outros escritos por Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, ambos tamén autores do Rexurdimento. Pondal no seu poema “Os pinos” (1886) fai referencia a diferentes aspectos de Galicia –costa verdecente, verdes castros, por exemplo- ao igual que o fai Rosalía, mostrando ambos o seu compromiso con Galicia, dando voz á natureza e facéndonos sentir o latexo da nosa terra.

Rosalía de Castro mostraba nas súas poesías un gran compromiso con Galicia e o seu idioma, dotándoas dunha visión pesimista do amor e da saudade. Estivo moi presente nela a marxinación por ser non só muller, senón tamén galega e escritora, aspectos que pensamos que a levou á reivindicación de sinais de identidade propios da terra, así como a mostrarse nas súas producións en contra das inxustizas.

Curros Enríquez fai referencia tamén no seu poema “Aires da miña terra” (1880) ao lugar onde el naceu, o que nos transmite unha sensación de morriña que nos leva a pensar neses duros momentos de ter que abandonar o fogar en busca dunha vida mellor, chegando a un lugar estraño onde un é un descoñecido.

Adiós, ríos; adiós, fontes... é un poema intimista, ao igual que o é “Campanas de Bastabales” (1863), onde novamente vemos expresados trazos, emocións e situacións dunha vida íntima e familiar. Neles predomina o sentimento da tristeza e a soidade causado por estar lonxe do seu fogar.

Outro dos poemas con semellanza na temática é o que leva por nome “Cando chove miudiño” (Cantares Gallegos, 1863) da mesma autora, onde novamente podemos atopar características da terra galega, concretamente referencias ao clima: “cando chove miudiño”. Ademais, son frecuentes as mostras de tristura “Triste vai, que á terra toca [...]” ou a emigración “Meus abós, ¡ai!, xa morreron,/ os demáis te abandonaron [...]”.

A morriña tamén enche os seus versos, nos que podemos ver aspectos que bota de menos:

Risas, cantos, armonía,
brandas músicas, contento,
festas, dansas, alegría
se tocóu na triste e fría
[...]”

“Inda vexo onde xogaba
cas meniñas que eu quería
[...]”

Finalmente, destacamos tamén o tema da soidade, tan presente en todos os seus poemas e que é un sentimento tanto de quen deixa o fogar como da familia que queda:

“Triste vai cando se abate
vaporosa, soia  e muda,
cando maina as alas bate
como un corasón que late
ferido por pena ruda”.

O poema do que estamos a falar nesta entrada, lémbranos a unha visita que realizamos fai pouco ao Museo Provincial de Lugo; nel, vimos numerosos cadros, mais houbo un que representaba a emigración. O cadro do que estamos a falar titúlase Emigrantes (1925) e é obra de Julio Prieto Nespereira e móstranos a diferentes persoas cuns rostros onde é facilmente percibir a súa tristura, a dor de deixar a túa familia en busca dun traballo ou unha vida digna lonxe deles.

Síntese final
Destacamos que este poema nos parece moi interesante para traballar co alumnado de Educación Infantil, pois un tema tan actual como a emigración, provocada pola crise económica que estamos a vivir, pode ter incidencias na vida diaria do alumnado, onde quizais algún membro da familia teña que deixar o seu fogar e a aos seus seres queridos por ir en busca dun traballo. Ademais, é un tema que estivo tamén moi presente na época dos nosos avós, onde estes momentos de despedida lles causaban sentimentos de dor, tristura...

Xa para concluír, debemos ter moi presentes os beneficios que supón a poesía para o alumnado, posto que nas aulas adoitamos centrarnos máis no traballo con diversos contos ou libros narrativos, deixando de lado a poesía. Con ela, pódense traballar os tipos de rima, enriquecer o vocabulario dos nenos, abordar os sentimentos dándolle cabida na aula para que o alumnado se poida identificar con algún deles e sexan conscientes de que todos pasamos por momentos alegres, mais tamén por outros tristes, podendo comprobar o alumnado, que todas as emocións se poden plasmar ao longo dos versos dos poemas, así como noutras producións literarias.

Elaborado por:
  • Natalia Sangil Regueiro
  • María Veiga Facal
  • Eva Mª Veiga Real
  • Mª Adelaida Veiga Teixeira

Fontes consultadas